Ourense Cidade

O PP denuncia a constante perda de fondos europeos pola “mala xestión” do Goberno

Entre os exemplos máis destacados, os populares poñen o foco na perda de fondos europeos para a rehabilitación da Praza de Abastos e a antiga Prisión Provincial.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Ana Méndez
Ana Méndez | Onda Cero Ourense

Os populares alertan de que o Concello de Ourense leva anos “perdendo oportunidades clave para o desenvolvemento da cidade” por mor da falta de planificación, xestión e responsabilidade do Goberno local. “Estamos a falar de millóns de euros que se deixan escapar mentres outras cidades avanzan e aproveitan estes fondos para mellorar os seus servizos e infraestruturas”, sinala a portavoz Ana Méndez.

Entre os exemplos máis destacados, o PP pon o foco na rehabilitación da Praza de Abastos, un proxecto que contaba con 3,5 millóns de euros do programa estatal do 1,5% Cultural. “A incapacidade do Concello para cumprir os prazos supuxo a perda definitiva de máis de 2,3 millóns de euros, recuperándose só unha parte por un erro formal da Administración do Estado, non pola boa xestión municipal”, critica a voceira.

Outro caso é o da antiga Prisión Provincial, na rúa Progreso, para a que se perderon preto de 3 millóns de euros en fondos europeos tras presentar un proxecto “pouco sólido e mal traballado” e non cumprir requisitos básicos noutras convocatorias. “Falamos dun edificio emblemático que leva 40 anos pechado e que segue sen futuro por falta de xestión”, engade.

A situación repítese tamén na Oficina de Rehabilitación da Praza da Trinidade, onde se perderon máis de 600.000 euros de fondos europeos tras quedar deserta a licitación. “Os retrasos nos pagos e a falta de credibilidade do Concello están a afastar ás empresas, o que ten consecuencias directas na execución dos proxectos”, advirte a popular.

Especialmente grave, segundo o PP, é a devolución voluntaria de case 2 millóns de euros destinados á dixitalización do comercio local, nun proxecto que fora o mellor valorado de toda España. “Renunciouse a unha oportunidade única de modernización económica e impulso do comercio local por unha xestión absolutamente irresponsable”, denuncia a portavoz.

A esta situación súmanse os fondos actualmente en risco, como os vinculados á Avenida de Portugal. “A paralización das obras por falta de pagamento á empresa impedirá cumprir os prazos e suporá a perda da subvención. É un exemplo máis dunha xestión nefasta que pagamos todos”, afirma a voceira.

Por todo isto, o PP propón a elaboración dun informe detallado sobre todas as subvencións solicitadas, concedidas, executadas, perdidas ou en risco de perda durante o presente mandato, indicando importes, estado de execución e causas da súa perda; a creación dun plan municipal de captación e xestión de fondos europeos; a implantación de mecanismos de transparencia pública; e a reactivación urxente dos proxectos paralizados.