O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, xunto coa vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa, mantivo unha reunión de traballo coa conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, para analizar o avance das actuacións estratéxicas en materia de solo empresarial que se están a desenvolver na provincia de Ourense.
O presidente da Deputación valorou positivamente o resultado deste encontro, pois segundo manifestou “puidemos comprobar que o Goberno galego está a cumprir cos compromisos adquiridos para facilitar o desenvolvemento económico de Ourense”.
Luis Menor lembrou que desde o inicio do mandato fixou como estratexia prioritaria o apoio á ampliación de solo industrial, “o que é sinónimo de futuro para Ourense”, ao tempo que reivindicou o talento e capacidade dos empresariado e dos emprendedores ourensáns “para facer medrar o carácter industrial da provincia”.
Neste sentido, púxose en valor o avance de actuacións clave como a ampliación do polígono empresarial de Xinzo de Limia, cuxas obras xa están rematadas e pendentes da recepción por parte do Concello. Esta ampliación permitirá incrementar nun 40 % a superficie do parque industrial, acadando os 414.000 metros cadrados.
Tamén se repasou a situación doutros proxectos estratéxicos para o desenvolvemento económico da provincia, como o parque empresarial de San Cibrao das Viñas, cuxas obras de urbanización foron adxudicadas hoxe mesmo; a ampliación do polígono do Pereiro de Aguiar, para a que xa foi licitado o contrato de expropiación dos terreos; así como os avances nos polígonos do Carballiño-Maside e Paderne de Allariz.
Luis Menor destacou a importancia de continuar impulsando infraestruturas empresariais modernas e competitivas que permitan xerar oportunidades económicas e emprego no territorio, favorecendo ao mesmo tempo a fixación de poboación e o equilibrio territorial.
Na actualidade, a provincia de Ourense conta con máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo industrial en distintas fases de tramitación, urbanización ou execución, cun investimento global de 126,1 millóns de euros.

