Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, Manuel Rodríguez, alcalde de Coles e José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rubricaron o Convenio de colaboración que posibilitará o financiamento, execución e entrega das obras de “Mellora do saneamento e bombeo de augas residuais en Sequeiros, TM Coles- Ourense”.
José A. Quiroga sinalou que este proxecto, que supón un investimento de máis de 1.335.000€, será sufragado de acordo ás porcentaxes, 70%, 16,64 %, 13,36 %, polo Estado a través da CHMS, Concello de Coles e Concello de Ourense, respectivamente. O presidente da CHMS mostrou a súa satisfacción pola firma deste Convenio, a través do que se evitarán as verteduras recorrentes ao arroio Lusín.
Actualmente, gran parte da poboación do municipio de Coles verte as augas residuais a unha fosa séptica de formigón armado situada ao sur do núcleo de Soutullo de Abaixo, que se atopa en moi malas condicións e a vertedura realízase directamente ao arroio Lusín, sen unha depuración efectiva previa, a uns 2 quilómetros da súa desembocadura, na marxe dereita do río Miño.
O obxectivo da actuación é a execución dunha rede de colectores que recollan as augas residuais que chegan á fosa existente xunto ao arroio Lusín ao sur de Soutullo de Abaixo para, unidas ás procedentes do núcleo de Sequeiros, ser conducidas ata a rede de saneamento de Ourense.
Esta actuación require, ademais, a realización de obras na rede de Ourense que permitan ampliar a capacidade das conducións actualmente existentes e que posibiliten a conexión destas novas verteduras á EDAR.
“Con este Convenio ponse de manifesto, unha vez máis, que a colaboración entre Administracións é fundamental para conseguir un uso sostible dos recursos; concretamente neste proxecto aproveitarase o sistema de saneamento, construído recentemente no Concello de Ourense e dotado de tecnoloxía punteira, para poñer fin aos problemas recorrentes de verteduras que ten un municipio de Coles, limítrofe coa capital ourensá”, concluíu Quiroga.