A Xunta conclúe o eixo de mobilidade peonil e ciclista que conecta a cidade de Ourense de norte a sur, tras o investimento de 5,8M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou hoxe a actuación realizada.
novo treito entre a praza de Abastos e A Molinera
Allegue explicou que o último treito no que se actuou comprendeu o tránsito polo paseo da marxe do río Barbaña. Renovouse en 1,1 km o pavimento existente para segregar o carril bici da zona de paso peonil entre Os Remedios e a praza de Abastos.
Ademais deuse continuidade ao paseo na zona en que antes se interrompía, creando un novo treito entre a praza de Abastos e A Molinera. Neste último tramo tamén se mellorou cun novo cruce a avenida Pardo de Cela para facilitar a conexión da senda que chega pola Ponte Vella coa cidade.

A conselleira remarcou que a Xunta culmina así un itinerario de 4 quilómetros que atravesa a cidade, ao paso pola intermodal, o pavillón Paco Paz, a avenida das Caldas, a praza de abastos e o paseo do Barbaña. Sinalou que o percorrido une equipamentos e lugares de interese e conecta tamén coas Burgas e o centro histórico.
Puxo o acento nesta nova forma sostible que permite desprazarse por Ourense, por exemplo empregando a bicicleta para ir dende a intermodal ata Expourense en tan só 15 ou 20 minutos. Cómpre lembrar que esta intervención forma parte da Estratexia de Mobilidade Sostible da Xunta, con sendas impulsadas polos fondos Next Generation nas cidades. O itinerario de Ourense súmase así ao xa estreado en Santiago, entre a intermodal a San Caetano.
María M. Allegue recordou que a Xunta tamén está a avanzar noutra senda para Ourense, no barrio de Reza, cuxas obras xa están licitadas por 1,5M€. Neste caso, trátase de 2,8km de itinerarios peonís.

