Ourense Cidade

O Concello de Ourense recibe o premio Pajarita Azul pola súa xestión na recollida de papel e cartón

O certame que organiza a asociación de fabricantes ASPAPEL distingue as entidades locais que destacan pola súa “excelencia” neste campo.

Óscar Gómez

Ourense | 13.03.2023 07:59

O Concello de Ourense recibe o premio Pajarita Azul pola súa xestión na recollida de papel e cartón
O Concello de Ourense recibe o premio Pajarita Azul pola súa xestión na recollida de papel e cartón | onda cero

O Concello de Ourense obtivo un premio pola súa xestión na recollida selectiva para a reciclaxe de papel e cartón no marco da sétima edición do programa Pajaritas Azules, que organiza a Asociación española de fabricantes de pasta, papel e cartón, ASPAPEL. Nun acto celebrado recentemente en Madrid, Ourense recibiu un dos premios “pajarita azul” do certame, que recoñeceu a “excelencia na xestión” na recollida selectiva para a reciclaxe destes residuos por parte dun total de 46 entidades locais (concellos e agrupacións de municipios) de 14 comunidades autónomas. Ourense é o único concello de Galicia que obtivo premio nesta edición.

Os galardóns outórganse a partir da avaliación de 21 indicadores anuais, que analizan todos os aspectos que atinxen á recollida do contedor azul e recollidas complementarias, campañas de información e concienciación cidadá, regulación e planificación da xestión, así como taxas de recollida e trazabilidade.

A entrega de premios ás entidades locais desenvolveuse nun evento no que participaron Ignacio de Domingo, subsecretario do Ministerio de Política Territorial, Margarita Ruiz, subdirectora xeral de Economía Circular del Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Eduardo Querol, presidente de ASPAPEL.

España é actualmente o segundo país da Unión Europea con maior taxa de reciclaxe de papel e cartón. Segundo as previsións de ASPAPEL, en 2022 recolléronse selectivamente en España 4,4 millóns de toneladas de papel e cartón usado e recicláronse 5 millóns de toneladas.