Concello de Ourense

O Concello de Ourense realiza traballos de limpeza do cauce do río Barbaña

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, indica que estes traballos “realízanse co obxectivo de que a poboación poida gozar da riqueza natural dos nosos ríos e acometer accións que teñen como fin a posta en valor dos ríos como epicentro da vida da nosa cidade”

Óscar Gómez

Ourense | 23.11.2021 19:21

O Concello de Ourense realiza traballos de limpeza do cauce do río Barbaña
O Concello de Ourense realiza traballos de limpeza do cauce do río Barbaña | onda cero

A limpeza eliminará os restos que provocan represas, pero tamén se traballará na roza e retirada das ramas rotas dos paseos do Barbaña ao seu paso pola cidade. Para o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, esta actuación “é necesaria para protexer tanto a nosa riqueza azul, que son os nosos ríos, como as actividades que os veciños desenvolven nas súas ribeiras”. Jorge Pumar indica que un dos obxectivos inmediatos do seu mandato, “é a posta en valor dos ríos para que se convertan no protagonista natural da vida da cidade”.

Os traballos céntranse nos tramos que amosan unha maior aglomeración de residuos, e consisten no aserrado e retirada dos exemplares caídos no leito, a limpeza da maleza acumulada nas represas creadas, e a retirada de ramas de árbores caídas na zona de leito co fin de preservar a vexetación da ribeira e conservar a imaxe dos ríos ao seu paso pola cidade. Nunha segunda fase, os traballos centraranse na roza e limpeza de ramas das zonas de paseo da cidade por parte da empresa concesionaria do servizo de mantemento de parques e xardíns.

Para a Concellería de Medio Ambiente, este traballo inicia unha serie de actuacións a desenvolver nos próximos meses de limpeza e adecuación dos ríos da cidade para facilitar o uso e goce dos leitos dos ríos ourensáns. O concelleiro Jorge Pumar lembra que este tipo de actuacións son clave para preservar o río, pero á vez solicita a colaboración de todos para evitar que as ribeiras presenten acumulación de lixo