O Concurso de Escaparates de Nadal, unha iniciativa dirixida a darlle visibilidade e apoio ao comercio local, ao tempo que dinamizar e darlle ambiente á cidade nas datas festivas. Este ano contarase co apoio da empresa concesionaria da limpeza en Ourense, Ecourense, que repartirá 8.000 euros en premios, e co do CIFP Portovello, que conta cun módulo de comercio -e materias específicas de escaparatismo- na súa oferta académica e colabora na redacción das bases e na formación do xurado.
Con este dobre obxectivo de “decorar a cidade polo Nadal e darlle tirón e prestixio ao comercio local”, en palabras do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, abrirase un prazo de inscrición do 1 ao 13 de decembro, para que se poida anotar o maior número de establecementos. Deberán facelo a través do enderezo de correo: concursoescaparates@ourense.gal.
En liñas xerais, haberá dúas categorías: A profesional, valorada por un xurado profesional, repartirá tres premios principais -un primeiro de 2.500 euros, un segundo de 1.500 euros, e un terceiro de 1.000 euros-. Como novidade, nesta edición haberá 5 premios de 500 euros para comercios que participen fóra do código postal 32.003, o do centro, coa intención de ampliar o concurso por todos os barrios, segundo apuntou o asesor municipal Aníbal Pereira.
A maiores, haberá unha votación popular, que outorgará un premio de 500 euros ao escaparate máis votado nos perfiles de facebook do Concello de Ourense e do CIFP Portovello -a suma de ambos-. Os premios non serán acumulativos en ningún caso. Os escaparates deberán estar expostos do 13 ao 8 de xaneiro, de modo que se poidan visitar durante todo o período festivo.
Para Abel Ocampo, director do CIFP Portovello, este Concurso é unha oportunidade para que o alumnado se prepare para a modernización do comercio, especialmente no eido dixital.
As bases do Concurso poden consultarse en www.ourense.gal ou en www.cifpportovello.gal