O Concello de Ourense non é alleo á desesperada situación da hostalaría local, escenificada esta mañá na Praza Maior, e anuncia medidas para axudar o sector. “É un sector moi castigado e teñen todo o noso apoio neste drama que están a vivir”, avanzaba o alcalde de Ourense, que se reuniu cos representantes das diferentes asociacións ao remate da concentración. Entre as medidas de Gonzalo Pérez Jácome está a de propoñerlle ao pleno a supresión das taxas de veladores para os vindeiros anos 2021 e 2022.
“Malia que as competencias son do Estado e da Xunta de Galicia”, afirma o alcalde, o Concello tomará partido: “Isto suporá un alivio de entre 700 e 800 euros anuais de media”, afirma. Pero ademais, Pérez Jácome anuncia que os servizos xurídicos municipais traballan para que se poida condonar a taxa de veladores da hostalería ourensá para o ano 2020. Esta medida tería que efectuarse de xeito retroactivo, xa que a maior parte dos recibos xa foron enviados para a súa notificación.
Estas medidas uniranse ás axudas para os autónomos, de 2.000 euros en caso de cumprir os requisitos, e cuxo prazo permanecerá aberto até o 30 de outubro -no día de onte xa se superaban as 3.000 solicitudes-.
A maiores, o alcalde confía en que o prego do marketplace sexa unha medida de grande apoio para o comercio axuda do comercio local, incluída a hostalaría, así coma o desenvolvemento do plan de obras para a mellora das infraestruturas de Ourense.