Ourense Cidade

O Concello abre o prazo de inscrición no concurso de comparsas e carrozas do Desfile do Entroido

A inscrición está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais ou xuvenís, grupos, colexios que o desexen.

Óscar Gómez

Ourense | 18.01.2024 07:49

O Concello abre o prazo de inscrición no concurso de comparsas e carrozas do Desfile do Entroido
O Concello abre o prazo de inscrición no concurso de comparsas e carrozas do Desfile do Entroido | O Sil

O Concello de Ourense abre o prazo de inscrición no concurso que premiará as mellores comparsas e carrozas que participen, o día 11 de febreiro, no desfile do Domingo de Entroido da cidade. A inscrición está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais ou xuvenís, grupos, colexios, etc. que o desexen. Poderán anotarse até o día 6 de febreiro, ás 14.00 horas, a través do Rexistro Xeral do Concello, cubrindo os modelos de inscrición oficiais que están dispoñibles na páxina web do Concello e na Concellería de Artes e Festexos. No caso de asociacións ou entidades, a inscrición farase a través da sede electrónica.

O Concello repartirá premios en diferentes categorías:

Comparsas con máis de 10 compoñentes: 1º premio 1.000 €, 2º premio 800 €, 3º premio 600 €

Comparsas con menos de 10 compoñentes: 1º premio 500 €, 2º premio 400 €, 3º premio 300 €

Especiais Comparsas: á máis numerosa 500 €, á máis ocorrente ou graciosa 500 €, á de mellor animación / musical 500 €

Carrozas: Mellor deseño 500 € e Mellor animación 500 €

Tamén haberá axudas para todas as participantes que completen o desfile e non acaden ningún premio. No caso das carrozas, serán 150 euros para cada unha. No caso das comparsas, daranse premios a aquelas que teñan desde 5 integrantes en adiante. Concretamente, as comparsas de 5 a 9 compoñentes recibirán 75 €; as de 10 a 19 compoñentes, 100€; as de 20 a 29 compoñentes, 150€; as de 30 a 39 compoñentes, 200€; as de 40 a 49 compoñentes, 250€; e as de 50 compoñentes en adiante, 300€.

Toda a información está dispoñible na páxina web do Concello: https://www.ourense.gal/gl/actualidad/bases-e-inscricion-do-concurso-de-comparsas