Deporte

Castrelo de Miño acolle a XXIII Concentración de Escolas de Vela

Na regata, incluída na Copa Deputación, participarán medio centenar de deportistas de entre 7 e 15 anos chegados de toda Galicia

Óscar Gómez

Ourense | 02.09.2021 11:30

Castrelo de Miño acolle a XXIII Concentración de Escolas de Vela
Castrelo de Miño acolle a XXIII Concentración de Escolas de Vela | onda cero

O Parque Náutico de Castrelo de Miño reunirá desde mañá xoves, día 2, e ata o sábado día 4 a medio centenar de deportistas de entre 7 e 15 anos chegados de toda Galicia na XXIII Concentración de Escolas de Vela, regata incluída na Copa Deputación desta modalidade. A proba foi presentada hoxe no Pazo Provincial polos vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e César Fernández, este último tamén como responsable de cooperación para os asuntos do Ribeiro; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e a presidenta e o director técnico do Club Náutico de Castrelo de Miño, Beatriz Alberte e Gabriel Fernández.

A regata, que ten programadas nove probas, está limitada ás clases “Optimist” e “Optimist Escola”, esta última para deportistas noveis. Haberá un total de nove premios que se dividen en trofeos para os tres primeiros clasificados individuais en ambas as dúas categorías e para os tres primeiros clubs clasificados na categoría “Optimist Escola”.

A organización subliñou que non só manterá un estrito protocolo de seguridade fronte a Covi-19, senón tamén para evitar a introdución de especies invasoras nas augas do encoro, como o mexillón cebra, polo que todos os participantes deberán realizar un completo proceso de desinfección de todas as embarcacións e material a utilizar.