A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o alumnado que se reincorporou, xa desde a semana pasada e de forma voluntaria, ás clases de 2º de Bacharelato nos IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Carlos Casares (Viana do Bolo). A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou os estudantes polo traballo feito desde os seus fogares durante o período de suspensión da actividade educativa presencial. Pomar animounos a facer un último esforzo para acadar os mellores resultados de cara a obter a titulación e iniciar unha nova etapa nos estudos que elixan.
A conselleira tamén agradeceu o labor desenvolvido polos docentes e os equipos directivos para adaptarse a estas circunstancias excepcionais, especialmente no acompañamento deste alumnado que se vai presentar o vindeiro mes ás probas de acceso á universidade. Nas visitas, a titular de Educación coñeceu as instalacións de ambos centros e comprobou a súa adaptación ao protocolo sanitario deseñado pola Consellería para a volta ás aulas neste final de curso.