Natación

Campionato Galego de Inverno Open de natación artística na piscina Rosario Dueñas

Participan 7 clubs galegos nas categorías alevín, infantil, júnior, sénior e máster; todos eles deberán adaptarse ás novas normas impostas pola Federación Internacional de Natación (FINA).

Óscar Gómez

Ourense | 03.03.2023 08:54

Campionato Galego de Inverno Open de natación artística na piscina Rosario Dueñas
Campionato Galego de Inverno Open de natación artística na piscina Rosario Dueñas | Pontevedra Viva

O Club Natación Sincro Ourense e a Federación Galega de Natación organizan esta fin de semana -4 e 5 de marzo-, en colaboración co Consello Municipal de Deportes e do Concello de Ourense, o Campionato Galego de Inverno Open, que xuntará un cento de deportistas de todas as idades na piscina Rosario Dueñas. Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, recibiu os promotores do campionato no salón de plenos: Ramón Mosquera, secretario xeral da Federación Galega, Lidia Queija, vicepresidenta do Club Sincro Ourense, e Beatriz Montes, directora técnica do club.

A propia Beatriz Montes avanzou que se xuntarán máis dun cento de deportistas de 7 clubs galegos de categorías alevín, infantil, júnior, sénior e máster. Todos eles deberán adaptarse ás novas normas impostas pola Federación Internacional de Natación (FINA), que achega a natación sincronizada ás disciplinas artísticas, coma a ximnasia, “nas que hai que adiantarlle aos xuíces todo o que vas facer”, relata.

As categorías alevín e infantil, que competirán o sábado pola mañá, competirán en rutinas e en combo; o resto da competición, que se desenvolverá o sábado pola tarde e o durante toda a xornada de domingo, farao en rutinas técnicas, libres e acrobáticas -outra das novidades-.