O presidente da Deputación de Ourense e da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), Manuel Baltar, participou no Foro Europeo de Investigación, Innovación e Valorización da Auga Termal (Aquaforum), que se celebra en Chaves (Portugal), un evento dedicado ao debate científico, técnico e estratéxico sobre o ámbito do termalismo. Diante de representantes do ámbito termal de 13 países, Baltar destacou “o peso das administracións públicas e da iniciativa privada na nova política termal” e defendeu “a importancia de unir estratexias económicas, turísticas e medioambientais ao redor do gran proxecto termal europeo, poñendo como exemplo a rede termal da EHTTA, que preside, a máis importante de Europa, integrada por 51 sitios termais de 18 nacións.
Neste sentido, dixo que os fondos Next Generation para a recuperación económica e a competitividade, xunto co labor institucional e a implicación empresarial, “serán os elementos que permitirán levar a cabo importantes iniciativas termais nos vindeiros anos, marcadas por unha necesidade de saúde e calidade no modelo turístico”, comentou.
Manuel Baltar participou nunha mesa de debate sobre “Transformación dixital no sector da auga mineral” xunto á secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques; as representantes da Dirección Xeral de Enerxía e Xeoloxía de Portugal, Carla Lourenço e Rita Pascoal; os representantes de Turismo de Portugal e Turismo de Oporto, Filipa Cardoso e Luis Pedro Martíns, e Jorge Pereira, de Joyn Group. Con eles analizou os diferentes aspectos e campos de actuación en torno á auga termal, tanto desde os novos modelos de negocio como os aspectos de saúde, benestar, xeotermia e turismo, “cun enfoque colaborativo e cooperativo para achegar solucións económicas e sostibles aos territorios termais”, expresou Baltar.
Momento de reconstrución
O presidente da EHTTA dixo que este foro “ten unha enorme importancia para o termalismo, sobre todo no momento no que estamos, na fase de reconstrución e da apertura inminente dos balnearios, onde a saúde cobra especial relevancia e onde a auga termal coas súas propiedades terapéuticas ten un protagonismo evidente”.
Baltar destacou a relevancia que as administracións públicas teñen no deseño de políticas de promoción do termalismo, e puxo como exemplo o traballo que desenvolve a European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), “onde o peso de Ourense fai que a nosa provincia teña unha relevancia moi destacada nesa aposta pola competitividade e a promoción da realidade termal dos territorios de Europa”. Tamén salientou que Ourense conta con Termatalia, a feira de termalismo máis importante do mundo, “e ese liderado permítenos compartir experiencias con representantes públicos pero tamén con empresas que saben da importancia da colaboración público-privada”, sinala Manuel Baltar.
Guía Termal
No acto, Baltar presentou, asemade, a Guía Termal do Eixo Atlántico –entidade onde preside o Foro Termal-, “unha publicación que recolle información, por primeira vez, das instalacións termais de Galicia e do Norte de Portugal, o que supón un produto con atractivo turístico e socio-sanitario que completa unha oferta onde patrimonio, medio ambiente, natureza e enogastronomía son elementos que contribúen a realzar a promoción termal”.
Baltar agradeceu o convite para participar neste cumio termal en representación de 51 sitios termais de 18 nacións, “territorios que temos unha postura conxunta que vén de ser aprobada na asemblea xeral que celebramos en São Pedro do Sul e que marca unhas liñas estratéxicas a seguir nun momento no que tamén nos fondos Next Generation teñen que ter cabida as políticas termais deseñadas desde o ámbito do público-privado. Polo tanto, unha oportunidade máis para falar do termalismo de Ourense e para poñer en valor o termalismo europeo, na miña condición de presidente da rede termal EHTTA”, expresou Manuel Baltar.