O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, deu instrucións para que o Concello inicie os trámites para obter a titularidade dos terreos que quedarán libres de uso ferroviario na contorna da estación Ourense Empalme. No momento actual, en que se aproxima a chegada a Ourense da alta velocidade, o alcalde entende que se abre unha posibilidade estratéxica para o desenvolvemento da cidade de Ourense, e moi especialmente do barrio da Ponte, de incorporar á trama urbana os terreos que xa non serán precisos para a rede ferroviaria, e dotar a cidade de novos equipamentos e servizos que incrementen a calidade de vida da veciñanza.
Neste contexto cobra especial relevancia a iniciativa presentada pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, que demanda a construción dunha estación que centralice no seu polígono o transporte de mercadorías en Ourense, e que actualmente se reparte entre San Cibrao e Taboadela (que representa un 90% do tráfico total) e Ourense-Empalme (que apenas representa un 10%). A centralización da rede permitiría liberar do uso ferroviario unha superficie de máis de 100.000 m2 na estación Ourense Empalme, que se atopan afectados polo tráfico de mercadorías. No expediente tamén se incluirá a expropiación dos terreos nos que se atopan os talleres de Renfe.
O proxecto dos empresarios conta co respaldo unánime da Corporación Municipal, que subscribiu unha declaración de apoio no pleno do pasado mes de maio. O anteproxecto presentado polos empresarios explica que a ocupación da zona de mercadorías na cidade é duns 140.000 m2, con 16 vías que se estenden polo 70% da chaira da Estación Empalme, ademais dos edificios, almacéns e plataformas de carga e descarga situados na parte oposta ao edificio de viaxeiros, en paralelo á rúa Río Arnoia.
O alcalde agarda a convocatoria dunha reunión, solicitada formalmente no mes de abril á presidenta da ADIF, para tratar este tema e repasar os demais investimentos que o organismo estatal ten previsto acometer á cidade.
Desde o administrador iniciaron o período de exposición pública dos expedientes de declaración da necesidade de ocupación do "Proxecto de construción da nova estación intermodal de Ourense. Cubrición de praia de vías. Estrutura e urbanización" e do "Proxecto de Construción da nova estación intermodal de Ourense e pasarela peonil. Liña Alta Velocidade Madrid - Galicia"
Neste marco, entende o alcalde que é o momento oportuno para que a cidade impulse a obtención dos terreos que queden libres de uso ferroviario e permitan unha transformación urbana de calado que nestes intres é posible.