A programación de actividades organizadas polo Concello para as festas do Nadal remata cun balance moi positivo, segundo o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xa que “pese a estar inmersos nunha pandemia global, creo que festivamente tivemos as mellores navidades da historia”. A multitudinaria cabalgata de Reis, que na tarde de onte volveu percorrer as rúas da cidade, púxolle o “sensacional colofón” á programación desenvolvida polo Concello, reunindo unhas 20.000 persoas e acadando unha magnífica acollida polo público, especialmente dos máis cativos.
Pérez Jácome destaca a iluminación festiva instalada polo Concello nas rúas e prazas da cidade polo Nadal, que foi “a mellor e a máis extensa porque chegou a máis sitios ca nunca”. Tamén a excelente acollida por parte do público aos diferentes espazos acondicionados polo Concello para desfrutar das festas: o parque de aventuras do Xardín do Posío, e os poboados de Nadal da Praza do Bispo Cesáreo e o Parque de San Lázaro, onde se desenvolveron durante estas semanas actividades de carácter educativo e lúdico para a rapazada. Tamén a Praza Maior, convertida en permanente punto de encontro da veciñanza ao longo das festas, cunha grande resposta do público, especialmente o infantil, durante as nevaradas que se realizaron desde a Casa do Concello. Tamén destaca o alcalde o éxito de público da programación do Auditorio Municipal durante as festas ou a chegada de Papá Noel voando ao Auditorio, que congregou a centos de rapaces na súa contorna para gozar co espectáculo.
A Cabalgata, “colofón sensacional”
A Cabalgata de Reis de onte foi “o colofón sensacional”, a xuízo do alcalde. A organización estima que unhas 20.000 persoas presenciaron o paso da comitiva polas rúas da cidade, desde a estación de tren até o Xardín do Posío, pasado pola Avenida das Caldas e a rúa do Progreso. A visita dos Reis Magos, subliña Pérez Jácome, agradou especialmente aos nenos xa que “ao ver que viñan en dromedarios, dicían que a Ourense viñeran os Reis de verdade”.
“Foron unhas grandes navidades, sen dúbida, as mellores da nosa historia”, conclúe Pérez Jácome. Agora, advirte, “comeza unha nova etapa, o día a día. Aos Reis Magos pídolles que traian a Ourense prosperidade, que deixemos de ser a Cenicienta de Galicia e de España”, en alusión aos orzamentos xerais do Estado e da Xunta de Galicia