Sociedad

ABANCA e Afundación repartiron 14.164 menús a menores en risco de pobreza

evouse a cabo co obxectivo de apoiar á infancia en risco de pobreza ou exclusión social, cuxa situación se viu agravada pola crise da COVID-19, garantindo unha alimentación saudable e nutritiva durante as vacacións escolares

Óscar Gómez

Ourense | 10.09.2020 09:24

ABANCA e Afundación repartiron durante as vacacións 80.000 menús a menores en risco de pobreza
ABANCA e Afundación repartiron durante as vacacións 80.000 menús a menores en risco de pobreza | abanca

O programa «Cubertos», impulsado por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, en colaboración con concellos e entidades sociais co obxectivo de garantir unha alimentación saudable durante as vacacións escolares a menores en risco de pobreza ou exclusión social, finaliza a súa actividade. Grazas a este proxecto, desde o pasado mes de xullo puidéronse repartir preto de 80.000 menús, 1.650 ao día de luns a venres, no sete principais cidades galegas. Na cidade de Ourense, onde o programa levouse a cabo coa colaboración do Concello, repartíronse 14.164 menús, máis de 277 cada día, nos 3 puntos de distribución habilitados na cidade.

Para o correcto desenvolvemento do programa foi imprescindible o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de ABANCA e os 120 voluntarios e voluntarias tanto de ABANCA como de Afundación que se encargaron de preparar a distribución, entregar os menús e atender ás familias. Para eles este programa supuxo «un achegamento á realidade de moitas familias que o están pasando moi mal. Esta experiencia fainos reflexionar e ser conscientes do afortunados que somos algúns -comentan-, así como ser partícipes activamente na sociedade, cubrindo un oco que estaba sen atender». Ademais do propio servizo, os usuarios de «Cubertos» subliñan a proximidade e calidez no trato recibido ao longo do programa.

Os menús distribuíronse, ademais de na cidade de Ourense, na Coruña, Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para iso, habilitáronse un total de 22 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias con localizacións adecuadas ás súas necesidades. ABANCA e Afundación impulsan este programa dentro do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, conscientes de que o impacto provocado polo coronavirus esixe unha resposta rápida e coordinada para facer fronte ás necesidades inmediatas de quen máis o precisa. Ambas as entidades secundan o obxectivo común das administracións e entidades de iniciativa social de mobilizar a solidariedade cidadá e das empresas, fomentando o voluntariado e a responsabilidade compartida na construción dunha sociedade máis xusta e cohesionada.

A crise sanitaria provocada pola COVID-19 agravou os niveis de pobreza da infancia en España que entidades do terceiro sector como UNICEF, Cáritas ou Save the children situaban xa antes da pandemia en niveis alarmantes. Neste contexto, no que se fai imprescindible ampliar os programas de protección social tanto públicos como privados, ABANCA e Afundación puxeron en marcha o programa «Cubertos».

Os menús

Conscientes de que unha correcta alimentación é esencial para a saúde das persoas, máxime no caso das nenas e nenos que se atopan en fase de crecemento, os menús do programa «Cubertos» elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, preparados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e elabóranse con produtos frescos de provedores locais. Así mesmo, na preparación dos menús atendeuse ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades..