Ourense Cidade

La Molinera celebra tres anos de funcionamento

Haberá un gran panel con fotografías de actividades levadas a cabo no centro, exposición de proxectos emprendedores e clases maxistrais para establecer contactos a través das redes LinkedIn ou Infojobs

ondacero.es

Ourense | 20.03.2019 10:53 (Publicado 20.03.2019 10:52)

Memorial La Molinera
Memorial La Molinera | Concello de ourense

O centro de Coñecemento de La Molinera celebra, este venres 22 durante todo o día, unha xornada de networkingpara dar conta dos seus primeiros tres anos de funcionamento. O evento está aberto a “emprendedores,makers, alumnado das actividades da aula CeMit, e usuarios de calquera tipo de cursos”, pero tamén a todas aquelas persoas que aínda non coñecen o espazo.

O networking comezará ás 11:00 horas coa presentación do mural #somoslaMolinera, unha exposición que cubrirá varias paredes de La Molinera con fotografías de grande formato coas actividades levadas a cabo no centro e que son achegadas polos propios protagonistas. De seguido, comezará unha exposición de produtos de emprendedores formados nos itinerarios formativos. No programa de mañá tamén está prevista a actividade #feedbacklaMolinera, un espazo para presentar publicamente diferentes produtos e podelos probar diante de terceiras persoas.

Neste sentido, e xa en horario de tarde, realizaranse dinámicas de grupo na actividade #conexioneslaMolinera, de forma que os asistentes poidan ir coñecéndose entre eles mediante un sistema de citas rápidas (speed dating).

Axuda para vender produto e marca persoal

O networking do venres inclúe, ademais, dúas conferencias para axudar a venderse e a vender os produtos a través das redes sociais LinkedIn e Infojobs. En horario de mañá, falarase sobre como establecer conexións entre o público asistente a través de LinkedIn, facilitando desta forma xerar colaboracións e contactos. Esta actividade prolongarase pola tarde con todos os asistentes que se vaian incorporando.

Ás 19:00 horas, logo da presentación institucional da memoria de actividades de La Molinera, celebrarase a clase maxistral “Como atopar proxectos e traballo coas túas redes sociais e Marca Persoal”, a cargo de Nilton Navarro, xestor de redes e contidos do portal InfoJobs.