Medio millar de escolares participan na programación de actividades “Concilia Verán"
250 nenas e nenos participan nos campamentos e outros tantos nas actividades das bibliotecas e da Aula de Natureza.
Medio millar de escolares da cidade participan na programación de actividades “Concilia Verán” que organiza o Concello. A edil de Educación, María Teresa Rodríguez asistiu hoxe ao inicio dunha das actividades: os campamentos de verán que se realizan durante o mes de xullo nos CEIP Amadeo Rodríguez, O Couto, Mestre Vide e A Ponte.
Un total de 250 nenas e nenos participan nos campamentos, cos que o Concello pretende axudar á conciliación das familias da cidade durante o verán e poñer a disposición da cativada actividades de lecer durante as súas vacacións escolares.
Os campamentos están dirixidos a nenas e nenos que cursan estudios de Educación Infantil e Primaria (5-12 anos). Desenvólvense durante todo o mes de xullo, de luns a venres, 8 a 14:30 horas e contan con prazas para o alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) no centro escolar da Ponte e un grupo de Educación Infantil (6º de Educación Infantil) no Couto.
A Concellería de Educación organiza tamén programación de verán para escolares na Aula da Natureza do río Miño, en Oira, onde están apuntados preto de 60 escolares para as actividades que se desenvolven desde xullo ate a primeira semana de setembro, e nas Bibliotecas Municipais da Carballeira, San Francisco e A Ponte, onde hai uns 180 inscricións para este verán.
As propostas de actividades lúdicas e formativa para a rapazada que organiza o Concello durante o verán complétase coa programación que desenvolve a Concellería de Política Social nos centros cívicos e os obradoiros do centro de coñecemento La Molinera que organiza a Concellería de Promoción Económica.