Nadal 2018

Máis de 300 persoas participarán na Cabalgata de Reis

As rúas ofrecerán unha chea de sorpresas aos asistentes, como grupos de baile, cisnes inchables que xogarán coa cativada, bolas xigantes con globos e iluminación interior, aviadores que levan nos seus aparatos agasallos e cartas para os Reis.

ondacero.es

Ourense |

cabalgata de reis ourense | onda cero

Máis de 300 persoas acompañarán as Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente polas rúas de Ourense, este sábado cinco de xaneiro, na tradicional Cabalgata que este ano aposta por que a cativada poida interactuar e xogar cos integrantes da comitiva real. Está previsto que os Reis Magos cheguen a Estación Empalme sobre as 17,30 horas. Tras saudar as persoas congregadas na estación, a Cabalgata sairá ás 18:00 horas cara ao Concello percorrendo a Avenida das Caldas, a Ponte Romana, a rúa Progreso e a rúa Doutor Marañón, até chegar a Praza Maior

A temática da Cabalgata de Reis de Ourense 2019, realizada polo Concello de Ourense en colaboración coa Asociación de Belenistas de Ourense e baixo a dirección artística da produtora ourensá Boneca Lareta, ten como título "Un soño de Nadal".

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, estarán acompañadas por cinco carrozas e o desfile contará cun total de 29 agrupacións que contarán unha historia a través dos soños das nenas e dos nenos, representados con imaxes oníricas de gran beleza e potencia visual. En total serán 300 persoas, entre persoal de organización, figuración, produción, etc.

Este ano, os elementos que compoñen a Cabalgata están deseñados para a favorecer a interacción entre os membros da comitiva e o público, co obxectivo de que as nenas e os nenos toquen, palpen e xoguen coas propostas que se lles ofrecerán durante o desfile.

As rúas ofrecerán unha chea de sorpresas aos asistentes, como grupos de baile, cisnes inchables que xogarán coa cativada, bolas xigantes con globos e iluminación interior ou aviadores que levan nos seus aparatos agasallos e cartas para os Reis.

Tamén percorrerán as nosas rúas monicreques xigantes de peluches, ataviados cos seus pixamas, que irán de camiño as súas camas á espera de que os Reis Magos lles leven os seus regalos.

A comitiva estará encabezada pola banda da Deputación de Ourense e tamén contará coa presenza dos Bombeiros do Concello. Este ano se contará coa presenza dos Bolechas, que participarán no desfile nun bus da Televisión de Galicia.

Haberá cinco carrozas: a do carteiro real, as dos tres Reis Magos e unha que porta os agasallos do Concello de Ourense. Tamén participarán no desfile antigo camión dos anos 40 con agasallos do Concello e pechará a Cabalgata un autobús eléctrico, tamén repleto de agasallos.

Fogos artificiais

Tras a chegada dos Reis a Praza Maior e o seu encontro coa cativada está previsto un espectáculo de fogos de artificio na ribeira do río Miño. A tirada de fogos artificiais será ás 20:00 horas.