Deporte

O Inorde e a Xunta cooperan para a subministración dunha carpa para a realización de eventos deportivos

Rosendo Fernández e José Ramón Lete asinaron, no Pazo Provincial, o convenio de colaboración entre ambas administracións con este obxectivo

Óscar Gómez

Ourense | 11.07.2019 08:09

Jose Ramón Lete e Rosendo Fernandez asignando o convenio
Jose Ramón Lete e Rosendo Fernandez asignando o convenio | deputacion de ourense

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, asinaron hoxe, no Pazo Provincial, un convenio de colaboración entre ambas administracións para a subministración dunha carpa para a realización de eventos deportivos. O importe total das actuacións a realizar ascende aos 29.190 euros, que serán achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte co obxectivo de “potenciar o deporte tanto de base como profesional”, sinalou o presidente do Inorde.

A carpa instalarase no espazo co que conta o CERLAC en Laias, concretamente entre os edificios do Balneario e do Hotel. “A principal función desta carpa será a de ximnasio, pero estará destinada tamén a acoller calquera outra actividade deportiva”, explicou Rosendo Fernández, quen agradeceu á Xunta de Galicia que, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, permita “poñer a disposición dos deportistas esta nova infraestrutura”.

Jose Ramón Lete e Rosendo Fernandez
Jose Ramón Lete e Rosendo Fernandez | deputacion de ourense

Pola súa parte, José Ramón Lete destacou a “aposta polas infraestruturas deportivas e, neste caso, polo deporte ourensá”, e neste sentido dixo que o compromiso coa provincia de Ourense vai máis alá deste convenio, pois no ano 2019 “medramos no investimento total da Xunta, no ámbito do deporte, máis dun 40% con respecto ao ano 2018 e, no caso da provincia de Ourense imos a investir máis de 400.000 euros este ano en doce concellos, aos que hai que engadir os 500.000 euros que xa temos previstos para a obra dos Remedios”.

O obxectivo de ambas administracións é conseguir un óptimo nivel de funcionamento das infraestruturas deportivas, para prestar servizos de calidade á veciñanza e apoiar aquelas actuacións cuxa finalidade sexa a mellora ou creación de infraestruturas e equipamentos necesarios para a prestación de servizos relacionados coa promoción do deporte e instalacións deportivas.