Provincia de Ourense

Elvira Lama reclama a Baltar que se poña a traballar para frear a extinción da Provincia

Os socialistas lembran que, desde que goberna Manuel Baltar, a provincia perdeu mais de 20.000 habitantes afondando na tremenda crisis demográfica que asola a Ourense

ondacero.es

Ourense | 04.02.2019 10:09 (Publicado 04.02.2019 10:08)

Elvira Lama
Elvira Lama | Onda Cero

A voceira do PSdeG-PSOE da Deputación, Elvira Lama, reclama a Manuel Baltar que deixe de publicitar Ourense como se fose “un parque xurásico ó que vir pasear”, e demándalle que “se poña a traballar activamente para frear a extinción da provincia que preside”. “A falta de oportunidades de futuro para os mozos e mozas non se soluciona só convidando a visitar a provincia como se fose un safari por un deserto no que desestresarse unha fin de semana”, asegura antes de salientar que “o presidente da Deputación goberna para as e os ourensáns e non para os turistas, polo que é a eles e elas ós que lle debe ofrecer opcións de futuro no ámbito laboral e nos servizos públicos”.

Lama indícalle a Baltar que “pasearse polo mundo sacándose selfies nunha cátedra sobre o reto demográfico, non permitirá solucionar o problema máis grave que ten Ourense”. Tamén recorda que “desde que el é presidente a provincia perdeu 20.000 habitantes, agudizando a tendencia desastrosa que asola a nosa demografía desde que o PP e o clan familiar dos Baltar ocuparon a Deputación”. “Nas últimas catro décadas perdemos 122.000 habitantes e a única política activa que fixeron sobre demografía foi enchufar ós amigos, colocar á familia nos chiringuitos, e comprar ós alcaldes doutros partidos cos orzamentos da Deputación para inflar o censo do Partido Popular”, destaca. “Un cuarto dos habitantes que tiña Ourense esfumáronse e, ata o de agora, a súa única proposta para emendar o problema foi o caciquismo e a propaganda presidencial”, insiste.

A líder da oposición recalca unha vez máis que “a propaganda non freará a extinción da provincia”, e conclúe esixindo que Baltar “deixe de laretar e se poña a traballar, porque hai que ter un rostro moi duro para ir a Madrid a presumir de estratexias contra o despoboamento, cando hai unhas semanas o PP se negou a implantar na Deputación unha estratexia provincial contra a sangría demográfica, tal e como solicitaba o PSdeG-PSOE nunha moción que cualificaron de ‘carta ós Reis Magos’ vergoñentamente”.