Deputación Ourense

Aprobadas as bases do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou tamén hoxe as bases do Programa para o fomento da natalidade “ChegOU 2019”, para o que a institución provincial destina un orzamento de 400.000 euros

ondacero.es

Madrid | 28.01.2019 13:38 (Publicado 28.01.2019 13:36)

Montserrat Lama
Montserrat Lama | Deputacion de Ourense

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega ou fóra de Galicia, pero con claras referencias nos seus contidos e obxectivos á cultura galega. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao luns 28 de xaneiro de 2019.

O premio Rodolfo Prada conta con tres modalidades: a primeira está dirixida a profesionais da xestión cultural que desenvolveran unha actividade concreta ou unha traxectoria profesional destacada no ámbito da xestión cultural no máis amplo dos seus aspectos; a segunda das modalidades está dirixida a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados que desenvolveran algunha actividade concreta ou unha traxectoria profesional destacada no ámbito da xestión cultural no máis amplo dos seus aspectos; e, por último, a terceira modalidade está dirixida a proxectos culturais vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e que formen parte do manual de boas prácticas do que será dotado o novo portal web da devandita Asociación.

As iniciativas que teñen cabida no certame son aquelas que se atopan dentro de algunha das modalidades que se relacionan tradicionalmente no marco xenérico da cultura e, por extensión, de actualidade e de perspectivas de futuro, no novo concepto das industrias culturais e creativas: Artes Escénicas, Artes Plásticas, Audiovisual, Etnografía, Letras,

Música, Patrimonio Histórico e Cultural, Industrias culturais e creativas, e Proxección exterior da cultura galega.

Os interesados en presentarse ao certame e que distingan pola súa traxectoria relacionada coas tres modalidades citadas anteriormente, poderán presentar a súa candidatura persoas físicas, profesionais da xestión cultural, colectivos culturais ou institucións públicas ou privadas do ámbito cultural. Así mesmo, as bases do certame recollen que non serán admitidas aquelas que xa foran premiadas en edicións anteriores ou teñan unha relación directa con estas. O prazo para a presentación das candidaturas rematará o luns, 4 de marzo de 2019.

O certame recoñece un único premio en cada unha das modalidades de tal modo que, para os profesionais da xestión cultural, o galardón consiste no financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa Europa Creativa ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado, cunha contía máxima de 1.000 euros. Para as persoas voluntarias ou colectivos afeccionados o premio consistirá na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas voluntarias ou desenvolvan os colectivos afeccionados gañadores, cunha contía máxima de 2.000 euros. E, para a modalidade de proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio consistirá na colaboración directa da Deputación de Ourense con seguinte proxecto cultural que promovan as persoas responsables do proxecto gañador neste apartado, cunha contía máxima de 3.000 euros. Así mesmo, tódolos premios completaranse cun obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio e cun diploma acreditativo.

A entrega dos premios terá lugar no transcurso dun acto social organizado pola Deputación de Ourense nalgún espazo que a institución provincial decida no marco da celebración da ICC Week que cada ano organiza este organismo.

“ChegOU 2019”

Outro dos asuntos aprobados hoxe pola Xunta de Goberno foi o Programa para o fomento da natalidade “ChegOU 2019”, a través do cal a institución provincial concederá axudas polo feito de parto, tutela e adopción dun neno que teña lugar durante o ano 2019. Poderán ser beneficiarios destas axudas o proxenitor dun menor nacido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2019; o adoptante dun menor sempre que a constitución da adopción teña lugar entre estas datas; así como o titor dun menor sempre que a constitución da tutela se faga entre esas fechas. Asemade, os solicitantes deberán cumprir as seguintes condicións: figurar empadroado nalgún concello da provincia de Ourense á data da solicitude da axuda e acreditar unha antigüidade no empadroamento

na provincia de Ourense, polo menos, de un ano ininterrompido e inmediatamente anterior ao 1 de xaneiro do ano 2019, e que o menor que causa o dereito á axuda ten que constar inscrito nalgún rexistro da provincia á data da presentación da solicitude.

A dispoñibilidade orzamentaria para este programa ascende aos 400.000 euros, mentres que a axuda á que poderán optar as persoas solicitantes será a que lle corresponda segunda a consideración, en grado, do concello en cuxo rexistro civil conste inscrito o menor que motiva a solicitude. As contías serán para os concellos de Grado 0, Grado 1 e Grado 2, de 300 euros; e para os concellos de Grado 3 será de 500 euros. As solicitudes deberanse presentar a través do enderezo http://natalidade.depourense.es rexistrándose no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación de Ourense, desde o día seguinte á publicación destas bases e ata o 31 de decembro de 2019, excepto para os nacidos, tutelados ou adoptados durante o mes de decembro de 2019, que terán de prazo para presentar as solicitudes ata o día 15 de xaneiro de 2020.

As persoas que resulten beneficiarias destas axudas recibirán a súa tarxeta electrónica “chegOU”, a cal poderá utilizar soamente en farmacias e parafarmacias para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde relacionados co neno.

Cultura

En materia de Cultura, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas, tanto a entidades sen ánimo de lucro como a concellos, para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao ano 2019.

As bases referidas ás axudas para as entidades sen ánimo de lucro da provincia de Ourense teñen como obxectivo financiar proxectos de actividades culturais e/ou recreativas promovidas por estas entidades e que se realicen durante o ano 2019. Esta convocatoria considera actividades culturais aquelas que teñan por obxecto o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial da sociedade ourensá. Para estes efectos, considéranse incluídas no patrimonio inmaterial as festas e celebracións de carácter marcadamente tradicional ou senlleiro; así como aquelas actividades que teñan por obxecto o fomento das diversas manifestacións culturais da sociedade ourensá.

Asemade considéranse subvencionables as actividades consistentes na edición, publicación ou impresión de libros, publicacións seriadas ou obras audiovisuais en calquera soporte, e as actividades recreativas aquelas actividades lúdicas ou de lecer de carácter público e gratuíto promovidas por entidades sen ánimo de lucro, e dirixidas ao

conxunto da poboación ou ben a colectivos precisados de especial atención desde as administracións públicas.

As actividades excluídas desta convocatoria son aquelas que malia reunir os requisitos teñan un orzamento inferior a 1.500 euros; actuacións escénicas ou musicais, incluídos os festivais ou certames relativos a este tipo de artes; excursións ou viaxes culturais ou recreativas, así como actividades nas que a porcentaxe do orzamento dedicado a gastos de comida do público asistente exceda o 20% do orzamento total, excepto naquelas actividades que teñen como obxectivo principal a exaltación de produtos típicos de carácter gastronómico.As entidades sen ánimo lucro poderán presentar ata un máximo de tres proxectos nesta convocatoria.

O orzamento máximo destinado a estas axudas ascende aos 120.000 euros, sendo a contía máxima das axudas o 50% do custo total de cada proxecto, de tal modo que, ningún beneficiario poderá obter axudas por importe superior a 10.000 euros para o conxunto dos proxectos que presente. Os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes desde a publicación destas bases ata o 15 de marzo de 2019.

En canto ás bases reguladoras referidas á convocatoria de axudas para concellos teñen como obxecto financiar proxectos de actividades culturais e/ou recreativos promovidos polos concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes e que se realicen no ano 2019.

As actividades que esta convocatoria considera culturais son aquelas que teñan por obxecto o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial da sociedade ourensá e considéranse incluídas no patrimonio inmaterial as festas e celebracións de carácter marcadamente tradicional ou senlleiro; así como aquelas actividades que teñan por obxecto o fomento das diversas manifestacións culturais da sociedade ourensá.

Así mesmo, ao igual que no caso anterior, considéranse subvencionables e excluídas as mesmas actividades que na convocatoria destinada ás entidades sen ánimo de lucro. Os concellos tamén poderán presentar ata tres proxectos como máximo nesta convocatoria. A dispoñibilidade orzamentaria destinada a esta convocatoria é de 100.000 euros, sendo a contía máxima de cada axuda do 50% do custo total de cada concello para os concellos de máis de 5.000 habitantes e ata o 70% de cada proxecto para os concellos de menos de 5.000 habitantes. Ningún beneficiario poderá obter axudas por importe superior aos 10.000 euros para o conxunto dos proxectos que presente. O prazo para a presentación de solicitudes comeza desde a publicación destas bases ata o 15 de marzo de 2019.

Cooperación

No apartado de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou inicialmente o proxecto de expropiación relativo á obra de acondicionamento da rúa Casanova, 2º tramo, no municipio de Leiro, así como a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes.

E, por último, aprobou o programa de asistencia técnica, xurídica e administrativa ao Consorcio de Augas de Valdeorras, para a xestión dos servizos municipais do ciclo urbano da auga delegados no dito consorcio polos concellos da comarca durante o exercicio 2019.