Pazolandia pecha as súas portas cun balance moi positivo, con preto de 26.000 usuarios que se achegaron ao Pazo dos Deportes Paco Paz durante as datas festivas para desfrutar do parque de atraccións familiares máis recoñecido do Nadal en Galicia. En total, foron 25.578 as persoas que accederon ás instalacións, constatando a boa acollida deste evento entre os rapaces de tódalas provincias galegas, pero tamén do resto de España.
O Servizo de Deportes constatou a “crecente presenza” de familias de fóra de Galicia que apostan por Ourense para as súas vacacións de Nadal ou que regresan ás súas raíces durante estas datas. Así, Pazolandia rexistrou visitantes de Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Toledo, Bilbao, Barcelona, Ceuta e Oviedo.
Os concellos volveron repetir a súa fidelidade con esta cita, xa que preto de 3.000 asistentes acudiron a través de excursións organizadas polo seu municipio (2.826 entradas por esta vía, con 62 concellos que apostaron por esta actividade).
Ademais, o balance reflicte que máis do 90% de concellos da provincia tiveron presenza nesta edición de Pazolandia, con asistentes procedentes de 85 concellos ourensáns.

