A Xunta investirá un total de 340.000 euros na execución dunha serie de actuacións que permitirán crear en pleno centro da cidade de Ourense o primeiro refuxio climático urbano de Galicia, un espazo verde resiliente que permita á cidadanía atopar un lugar no que protexerse de futuras vagas de calor.
O proxecto previsto ten como fin artellar un corredor verde lineal entre os extremos norte e sur da avenida Otero Pedraio, que é un dos principais eixos de comunicación da cidade e actualmente carece de zonas de arborado consolidado. Para logralo, instalaranse xardiñeiras e reacondicionaranse varias illetas, entre outras actuacións que aportarán sombreado natural e reducirán a impermeabilidade do solo na zona.
Grazas a estes traballos, que se executarán ao longo de 2026, a conselleira explicou que se estima que se logrará reducir en torno a 3º a temperatura superficial nesta zona, mitigando polo tanto o chamado efecto illa de calor e convertendo a avenida ourensá nun refuxio urbano para a poboación máis vulnerable ante episodios extremos.
Neste sentido, cómpre lembrar que no marco do programa Galicia Refuxio Climático e grazas á colaboración entre a Consellería e a Universidade de Vigo, o ano pasado desenvolveuse unha nova metodoloxía de apoio aos concellos para detectar posibles refuxios climáticos e illas de calor nos seus respectivos territorios.
Froito deste traballo conxunto, obtívose un dispositivo portátil capaz de elaborar un mapa detallado coa localización das illas de calor existentes nos concellos —é dicir, zonas cunha elevada acumulación de radiación no asfalto e no formigón— co fin de definir e executar, nunha segunda fase posterior, unha experiencia piloto a nivel local.

A cidade con temperaturas máis extremas
No marco desta iniciativa, Ourense, con invernos fríos e veráns moi cálidos durante os que a media das temperaturas máximas supera os 30ºC tanto en xullo como en agosto, foi a cidade galega escollida pola Xunta para impulsar a creación do primeiro refuxio climático urbano de Galicia, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade climática e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.
Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a capital ourensá é o lugar ideal para impulsar esta iniciativa por ser a cidade galega que soporta as temperaturas máis extremas, tanto en inverno como en verán.
O punto proposto para executar a actuación foi a avenida Otero Pedraio, eixo principal de comunicación viaria no sector oriental da urbe e unha vía sometida á exposición directa á radiación solar ao longo do día. O compromiso é ter finalizados os traballos (de cuxa execución se encargará o Concello de Ourense) antes de que remate o ano 2026.
Cun investimento total de 450.000 euros —110.000 euros para o deseño do dispositivo portátil e o algoritmo para detectar illas de calor e 340.000 euros para a intervención na avenida Otero Pedraio—, a conselleira lembrou que a experiencia de Ourense permitirá consolidar unha metodoloxía autonómica para a planificación climática urbana e poñer os seus resultados á disposición doutras cidades e vilas de máis de 20.000 habitantes para que poidan replicar o modelo ou adaptalo ao seu territorio.
A maiores, Ángeles Vázquez lembrou que esta obra é compatible coas axudas que por segundo ano consecutivo convocará o seu departamento este ano cun orzamento de 2 millóns de euros para apoiar aos concellos na execución de distintos proxectos municipais co obxectivo común de ofrecer solucións fronte aos riscos derivados do quecemento global así como para identificar e crear espazos urbanos que actúen como refuxio climático tanto para a poboación como para a biodiversidade.

