Ángeles Vázquez afirmou que a suba do canon de Sogama «víase vir», e que así se viña advertindo, por mor da aplicación dos novos impostos creados pola Lei de Residuos e Solos Contaminados para unha Economía Circular, aprobada no Congreso en 2022.
Daquela, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, só a Xunta de Galicia interpuxo alegacións; non o fixeron nin a Federación Española de Municipios e Provincias, naquel entón presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; nin a Fegamp, presidida polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Vázquez. «Non fixeron unha defensa dos concellos», acusounos Vázquez. A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático pediu do Ministerio de Transición Ecolóxica que dé marcha atrás; o que faría, dí, que Sogama non incrementase o canon.
Altri, principios de 2025
A estimación da Xunta é que a tramitación da declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de Altri para Palas de Rei esté rematada na primeira metade de 2025; asegurouno a conselleira Ángeles Vázquez durante a entrevista en Onda Cero. Faltan aínda varios informes ao respecto, explicou. E insistiu en que neste tema «non caben ideoloxías, só cabe o cumprimento estricto da lei». A conselleira retiterou a mensaxe de que a factoría só sairá adiante se cumpre a normativa europea, estatal e autonómica.
Sen resposta de Transición Ecolóxica
Noutra orde de cousas, a conselleira informou de que aínda non houbo resposta, por parte de Transición Ecolóxica, sobre a petición de reunión para abordar as consecuencias do parón xudicial eólico. Tampouco hai novas sobre a solicitude de convocatoria da comisión mixta de transferencias, para abordar o traspaso a Galicia dos instrumentos de xestión do dominio público marítimo terrestre.