«Pasaron dous anos e medio desde aquela noite [últimas eleccións municipais] e podo dicir que o Concello de Pontevedra mellorou e que están sentadas as bases dese proxecto a 8 ou 10 anos do que xa tenorio falado. Reafírmome na decisión de presentarme como alcalde de Pontevedra de novo no ano 2027, sempre que así se decida desde o BNG», sinala nos primeiros compases da súa intervención. Lores defendeu o «grande esforzo de xestión e de priorización do traballo» realizado polo Goberno Local, un traballo «que deu os seus froitos e que permite ter en marcha moitísimos proxectos que xa coñecedes e que onte repasamos polo miúdo». «Desde o punto de vista da actividade económica e posicionamento da cidade, quero lembrar que nestes últimos anos, neste mandato, tivemos eventos culturais e deportivos coma os Feroz, as citas de triatlón, festivais musicais e concertos internacionais que puxeron a Pontevedra no mapa; e que xeraron e xeran unha grande actividade económica, de emprego e de proxección para a cidade». «Quero poñer en valor as actuacións de todo tipo previstas en Monte Porreiro, na Parda, na Seca Valdecorvos, en Mollavao, en Campolongo… sen esquecer a importancia da posta en marcha do contrato de residuos ou as actuacións feitas no rural, que o coloca como un dos rurais máis avanzados en dotación de servizos da Galiza». indicou.
O alcalde tamén tivo palabras para a situación política actual, que ollando para o mundo e para o Estado español semella difícil de definir, «aínda que podería dicir que é irrespirábel e que, con todo o respecto, dá noxo». «Aquí non temos nada que ver con todo isto, a pesar dos esforzos do Partido Popular en tentalo, como coa rolda sobre seguridade da pasada xornada. Este é un Goberno responsábel que non ten intereses espurios e no que nos adicamos con tranquilidade e responsabilidade a xestionar e mellorar a calidade de vida de toda as persoas». «Afrontamos o futuro con ilusión e seriedade. Agardo que para o ano poidamos pasear polo novo parque da Parda, que poidamos ver xa a auga dos Gafos correr por Campolongo, ver despregado ao cen por cen o contrato de residuos e comezar as transformacións de Mollavao e Monte Porreiro, entre outros, cos proxectos que están a piques de iniciarse. En definitiva, agardo ver unha Pontevedra con cada vez maior calidade de vida», indicou durante o tramo final da súa comparecencia.
Ao respecto das outras administracións, no caso do Goberno do Estado, Lores explicou que Pontevedra non pode estar satisfeita ao ver proxectos coma o nó de bombeiros paralizado ou o paseo cara Marín. Sobre a Xunta, o alcalde lembrou que «adoita acertar cando rectifica», poñendo como exemplo a variante de Alba, proxecto que contou coa oposición do PP local no seu momento; ou a reactivación da construción de vivenda pública na cidade, «logo de estar 15 anos gardada nun caixón».
Por último, no caso da Deputación, «seguimos demandando un comportamento equitativo e lóxico para coa capital da provincia, que neste último ano recibiu menos cartos que dez concellos, todos eles, agás Vigo, con moita menor poboación ca nós», engadido que «se algo me preocupa especialmente, en relación coa Deputación, é a falta de actuacións en Santa Clara e o Museo de Pontevedra». «No seu día dixen que cría que este podía ser un dos mellores mandatos da miña vida como alcalde, e esta é unha idea da que estou plenamente convencido á vista dos feitos. Defendo e defenderei que esta cidade non ten teito á hora de seguir avanzando en todos os eidos: culturais, patrimoniais, económicos, turísticos, empresariais, ambientais…», finalizou.

