Promoción turística

A Estrada promociona os seus sabores, paisaxe e patrimonio cultural no marco da Festa do Viño da Ulla

O espazo municipal contará o domingo cunha degustación gratuíta de 250 pinchos a base de chourizos á sidra con pan estradense

Redacción

Pontevedra |

concello-a-estrada-festa-viño-ulla
Delegación do concello de A Estrada na Festa do Viño da Ulla | Onda Cero Pontevedra

O Concello da Estrada promocionará os seus sabores e os seus recursos turísticos esta fin de semana no marco da XLIV Exaltación do Viño da Ulla, que se celebrará no veciño municipio de Vedra.

Será o sábado e o domingo na Mostra dos Concellos de Ribeira do Ulla, un apartado incluído na extensa programación deseñada para a ocasión e na que A Estrada terá o seu espazo institucional a carón de Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Touro, Silleda e Vila de Cruces.

Como xa fixo na edición de 2025, o Concello aproveitará este escaparate para distribuír información sobre o seu patrimonio natural, cultural e gastronómico. A maiores, incluirá nel unha ampla mostra de sabores locais, con expoñentes como a sidra, o aceite, queixo, froitos vermellos, mel, ovos e produtos da horta.

Asemade, na xornada do domingo, e ao fío das 12.30 horas, neste mesmo stand aportará unha degustación gratuíta de 250 tapas. Este ano o Concello contará para este evento coa firma Sala Gradín, que servirá aos presentes chourizos á sidra con pan da Estrada.

Horario da Mostra

A Mostra dos Concellos da Ribeira do Ulla estará aberta ao público o sábado, de 18.00 a 22.00 horas, e o domingo de 12.00 a 22.00.