O presidente da Deputación de Pontevedra Luis López encabeza a delegación da Deputación na Feira Internacional de Viaxes e Turismo ITB de Berlín, un dos encontros máis importantes da industria turística a nivel mundial, que se celebra entre o 3 e o 5 de marzo na capital de Alemaña e ao que o organismo asiste por vez primeira na súa historia cun posto propio.
Turismo Rías Baixas levará a cabo nesta cita, que no 2026 celebra o seu 60 aniversario, accións de promoción que inclúen reunións profesionais, difusión de materiais e atención directa a operadores e medios de comunicación. A participación da Deputación na feira ITB de Berlín ten por obxectivos presentar a oferta turística da provincia a operadores internacionais, axencias de viaxes, liñas aéreas e medios especializados, consolidando a posición de Rías Baixas no mercado alemán, estratéxico para Galicia, e ampliando a rede de contactos con profesionais do sector. Ademais, o posto propio do organismo provincial integrarase no stand institucional de Turespaña, favorecendo o retorno mediático e o posicionamento da marca a nivel internacional.
Amplio calendario de eventos
A asistencia á ITB forma parte do calendario de feiras internacionais coas que a Deputación busca impulsar a internacionalización do destino Rías Baixas. Tralo seu paso pola BTL de Lisboa, a onde volveu despois de 20 anos sen ter presencia, o organismo disporá dun posto por vez primeira na feira de produtos ecolóxicos e de turismo Biocultura-Ecoturismo da Coruña. Ademais, Rías Baixas tamén se promocionará na Feira Internacional de Turismo Expovacaciones en Barakaldo (Biscaia), en Turexpo (Silleda), no Salón Náutico Internacional de Southampton e na WTM de Londres (Reino Unido), en Xantar (Ourense), na Feira Internacional de Turismo de Interior Intur (Valladolid) e no Salón Internacional de Congresos e Reunións IBTM (Barcelona).

