A novena edición do Sabores de Ourense superou os 5.000 pinchos de castaña e cogomelos
O concurso é “unha acción estratéxica do Concello para poñer en valor a gastronomía local”, sinalou o concelleiro Jorge Pumar na entrega de premios.
A novena edición do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, organizado polo Concello de Ourense e pola Unión de Hosteleros de Ourense (UHO), celebrou esta mañá no salón de plenos municipal a entrega dos premios aos establecementos gañadores. Logo do reconto dos votos do público entre o 5 e o 18 de novembro, estímanse un mínimo de 5.016 pinchos consumidos nesta edición, que contou coa participación de 51 locais.
É “unha acción estratéxica do Concello de Ourense para poñer en valor a gastronomía local”, argumentaba o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, durante a súa intervención. “É, coa auga, un dos recursos turísticos máis importantes”, dixo, ao tempo que felicitaba a implicación do sector hostaleiro da nosa cidade: “Co seu bo saber facer é o axente vertebrador da nosa oferta gastronómica”. Pumar Jorge tamén felicitou, así mesmo, “aos dez restaurantes que se clasificaron para a final do xurado profesional, polo excelente nivel das súas creacións gastronómicas, que en tan bo lugar deixan quedar a cidade”.
O xerente da UHO, Javier Outomuro, valorou o feito de que o gañador deste concurso -o restaurante A Feiriña, polo seu pincho Mantiña de castañas-, estea presente na feira internacional de turismo FITUR, que se celebra en Madrid no mes de xaneiro, pois é un escaparate da cidade e tamén do sector hostaleiro.
O concurso de pinchos reforzouse este ano desenvolvendo toda unha serie de actividades paralelas, coma as clases maxistrais que tiveron lugar no centro comercial Ponche Vella. A última desas clases maxistrais de cociñe terá lugar este mércores, 28 de novembro, ás 18:30 horas, e nela participarán todos os establecementos gañadores no concurso, ademais de servir de plataforma para a entrega dos premios do público e da App 'saboresdeourense'.