Unha xornada abordará as dificultades que atopa a muller no camiño da maternidade
Trátase da segunda edición desta iniciativa, centrada na Saúde Mental Materna, que se celebrará os días 3 e 4 de maio no centro cultural “Marcos Valcárcel"
- A segunda edición das Xornadas sobre Saúde Mental Materna centrará a atención nas dificultades que atopa a muller no camiño da maternidade, con mesas redondas que analizarán catro temáticas: os cambios na muller embarazada, a infertilidade, a adopción e a xestación subrogada, os días 3 e 4 de maio no centro cultural “Marcos Valcárcel”. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a concelleira de Sanidade e Igualdade de Ourense, Sofía Godoy; a xerente de Physiovértex, Vanessa Rodríguez; e a psicóloga Andrea Rodríguez.
O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que os obxectivos desta iniciativa é “sensibilizar a poboación sobre esta cuestión, recoñecer o labor da muller na maternidade, dar visibilidade ao traballo dos diferentes profesionais que traballan neste eido e chegar aos medios de comunicación”. Pola súa parte, Sofía Godoy felicitounas por esta iniciativa enmarcada “na responsabilidade social desta empresa para devolverlle á sociedade o que a sociedade lle da e implicando a diferentes colectivos para que acheguen o seu coñecemento á sociedade”.
A xornada está dirixida a profesionais do ámbito sanitario e ás persoas que están involucradas en asociacións relacionadas coa crianza. Na edición anterior, “reunimos a preto de 50 persoas, e nesta ocasión esperamos superar a participación e chegar ás 70 persoas”, salientou Andrea Rodríguez, quen lembrou que se trata dunha iniciativa que pretende celebrar o Día Mundial da Saúde Mental Materna, despois de que desde “o ano 2016, diferentes organizacións vinculadas á Saúde Mental Perinatal veñan reivindicando a proclamación deste día”.
Na segunda edición destas xornadas participarán diferentes profesionais que analizarán a importancia de abordar a saúde mental materna dun xeito integral durante o o día 3 de maio, desde as 16.00 ás 21.00 horas; e o día 4 de maio desde as 10.00 ás 14.00 horas. Os interesados en participar poderán inscribirse de balde a través do correo electrónico physiovertex@gmail.com ou a través dos números de teléfono: 988602640 ou 657328645.