Deporte

Ourense capital nacional do atletismo

Baltar valora como excelente o feito de que Ourense acollese aos máximo representantes do atletismo

Óscar Gómez

Ourense | 02.03.2020 08:13 (Publicado 02.03.2020 08:12)

Manuel Baltar, entregando medallas
Manuel Baltar, entregando medallas | deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou o protagonismo que esta fin de semana ten Ourense “como capital nacional do atletismo”. O presidente do goberno provincial participou onte xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na entrega de premios do Campionato Nacional de Atletismo absoluto en pista cuberta, celebrado en Expourense, no que se dan cita os deportistas referentes do atletismo español e que conta tamén con representación ourensá.

Baltar valora como “un excelente exemplo de organización e impulso ás grandes capacidades que no ámbito deportivo ten a nosa provincia” o feito de que Ourense acolla nesta cita aos máximo representantes do atletismo. O presidente da Deputación, quen fixo entrega das medallas de Salto de altura masculino, proba que gañou Alexis Sastre, salientou que “unha vez máis a nosa provincia volve estar no máis alto do deporte, referendado nesta ocasión por unhas magníficas instalacións como as que conta Expourense con esta pista cuberta, que fixo posible que os atletas acadasen marcas persoais e os mellores rexistros da tempada”. “Un orgullo para o noso deporte e para todos como provincia, polo que supón de promoción do noso territorio”, expresou o presidente.