Ourense Cidade

A nova edición da “Ourense ICC Week” epicentro cultural de Galicia

Moda, actualidade, publicidade, tendencias tecnolóxicas, videoxogos, humor e espectáculos musicais, enchen o cartel da Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense

ondacero.es

Ourense | 20.03.2019 09:12

Presentación da ICC Week
Presentación da ICC Week | Deputacion de ourense

A quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, “Ourense ICC Week”, que organiza a Deputación de Ourense do ao 7 de abril, ofrecerá neste 2019 máis de 70 horas de programación nunha decena de campos de vangarda creativa, aglutinando nun mesmo evento moda actualidade, publicidade, tendencias tecnolóxicas, videoxogos e espectáculos musicais, que converterán a Ourense no epicentro cultural de Galicia. A presentación da programación completa desta edición tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e os coordinadores da “Ourense ICC Week”, Juan Rivas e Manuel Araújo.

O presidente da Deputación de Ourense destacou que esta iniciativa xa consolidada “traslada con éxito a imaxe sobre turismo cultural de Ourense, cunha programación que se centra en cuestións de vangarda de diferentes disciplinas creativas e con vocación de visión global da provincia”. Así mesmo, Manuel Baltar salientou que este evento “foi medrando desde que se concibiu en canto a crítica, público e oportunidades”.

A programación desta quinta edición ocupará “máis de 70 horas de axenda cultual, en ata oito espazos diferentes da cidade de Ourense. Serán en total 23 citas na programación con 13 mesas de traballos con 25 relatores de primeiro nivel, 7 concertos de diversos estilos e outras opcións de ocio como obradoiros para nenos, videoxogos ou humor”, explicou Manuel Baltar. Trátase, polo tanto, de dez campos diferentes no amplo abano das industrias culturais e creativas tocando temas como: deseño de moda, arquitectura, xornalismo e actualidade, patrimonio cultural, industria musical, publicidade, audiovisuais, animación e tendencias tecnolóxicas, entre outros.

O obxectivo desta iniciativa mantense firme desde a primeira edición: poñer en valor a actividade económica dun sector clave na Europa do século XXI, e converter así a provincia de Ourense no punto de encontro cultural e creativo, xerando un debate enriquecedor ao redor do pensamento de vangarda.

Os organizadores destacaron que agás as citas do Teatro Principal e o Auditorio, a meirande parte dos eventos da programación son de balde e abertos a todo o público, sempre previa reserva de invitación a través da páxina web www.ourenseiccweek.com. Neste sentido, Manuel Araújo dixo que “a maior parte das actividades presentadas xa están completas porque cada vez hai máis xente interesada no evento”.