O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu hoxe á XXX Festa de exaltación do Pan de Cea, que ten lugar no campo da Saleta da localidade ourensá de San Cristovo de Cea. Na celebración, Cabarcos -que estivo acompañado polo alcalde, José Luis Valladares- puxo en valor este produto, amparado por unha indicación xeográfica protexida (IXP) e que o pasado ano acadou unha produción certificada de case 389 toneladas, xerando un valor económico estimado lixeiramente superior ao millón de euros. Nesa liña, o director lembrou que o Pan de Cea conta co selo de calidade diferenciada desde 2004, o que lle permitiu que sexa recoñecido en toda Galicia e mesmo se comercialice en puntos de fóra da nosa comunidade.
A área de elaboración do pan amparado por esta IXP é o termo municipal de San Cristovo de Cea e, segundo destacou o director da Axencia, a súa produción segue un modelo artesanal, vinculado á tradición. Así, o de Cea defínese como o pan que se elabora con fariña de trigo, con adición de auga potable e sal comestible, ao que se lle engade, para a súa fermentación, masa nai procedente dunha elaboración anterior. O amasado realízase en varias etapas, seguindo as técnicas ancestrais da zona. Por último, a masa cócese en fornos de pedra granítica de deseño característico do lugar que son previamente quentados con leña.
Estes pans presentan unha forma alongada e arredondada nos extremos, cunha fenda transversal característica no centro da súa parte superior que divide o pan en dúas partes iguais alombadas e ensambladas. A codia é grosa e de espesor variable, incluso nunha mesma peza, oscilando aproximadamente entre 0,5 e 1 cm, cunha consistencia dura e ríxida, con rotura triscante e con tendencia a facer láminas, cor dende dourada a castaño escura e sabor a tostado. A miga ten textura esponxosa, fibrosa e firme, con alveolado non moi abundante, distribuído de xeito irregular e de tamaño moi variable, cor apergamiñado e sabor intenso a trigo.
Festa de interese turístico
Os asistentes a este evento -declarado festa de Galicia de interese turístico- poderán degustar este exquisito pan e visitar os expositores de produtos gastronómicos con selo de calidade. Ademais, na xornada previa celebrouse tamén a Ruta dos Fornos, un percorrido gastronómico polos antigos fornos do pan de Cea.