Orzamentos

A Xunta incrementa un 9,2% os orzamentos de emprego e igualdade

O presuposto de Formación e Colocación increméntase máis do 50%, o de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social crecerá por riba do 40%, e o de Igualdade, o 14%

Óscar Gómez

Ourense | 20.10.2021 10:09

María Jesús Lorenzana. conselleira de Emprego e Igualdade
María Jesús Lorenzana. conselleira de Emprego e Igualdade | Xunta de Galicia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia -centro propio e referente na formación en materia de linguaxes de programación, ciberseguridade e computación na nube- onde resaltou que os orzamentos da Xunta para 2022 suporán unha suba sen precedentes, de máis do 50%, en formación para o emprego.

“Os orzamentos para 2022 son expansivos en Emprego e expansivos en Igualdade”, resumiu a conselleira, quen subliñou que no ano 22 a media de crecemento das contas do seu departamento será do 9,2%, por riba da media da Xunta. “Isto implica que se priorizan no Goberno galego as políticas de emprego dirixidas aos colectivos con maior dificultade para a inserción laboral como mozos e mozas, parados de longa duración, mulleres...”.

Na mesma liña, a titular de Emprego destacou que a Xunta está a apostar “como nunca” pola formación das persoas traballadoras e desempregadas “porque cremos que é a clave para mellorar as cifras de emprego e a empregabilidade dos nosos cidadáns”.

Lorenzana destacou que nas contas de 2022 tamén a área de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social crece por encima do 40% e manterá como eixos os incentivos á contratación, ao emprendemento, ás persoas traballadoras autónomas e á economía social galega.

As políticas de emprego xuvenil terán un lugar destacado durante o novo exercicio, promovendo, tal e como subliñou a conselleira, formación para persoas novas ou os contratos de formación e aprendizaxe para que accedan ás empresas.

A Xunta avogará, por outra banda, pola loita contra a violencia de xénero, que sube un 20% no proxecto de orzamentos, e polo emprendemento feminino a través do programa Emega que tamén subirá a súa dotación outro 20%. No conxunto da área da Igualdade, a suba ascenderá ao 14%. Lorenzana fixo énfase en que “no que vai de Lexislatura xa incrementamos o noso orzamento en máis do 50%”, chegando aos 380 millóns para 2022.

Axenda de Capacidades

Lorenzana lembrou, por outra banda, que o seu departamento está a poñer en marcha a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego, coa que se pretende mellorar a cualificación profesional da cidadanía, a súa empregabilidade e promoción profesional e, ao mesmo tempo, a competitividade e maior benestar das empresas.

A Axenda se presentará o próximo 9 de novembro na Coruña co obxectivo de constituír un gran acto polas capacidades que permita unir esforzos públicos e privados na mellora da capacitación da poboación fronte aos retos presentes e futuros do mercado laboral no que estean representados os axentes sociais, económicos, empresarios, autónomos, entidades do Terceiro Sector e o Goberno galego.

Centro punteiro

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) é un centro propio da Consellería de Emprego e Igualdade especializado na formación en tecnoloxía e metodoloxías avanzadas. Imparte cursos de desenvolvemento en linguaxes de programación, ciberseguridade e computación na nube. Esta cualificación conta coa certificación dos fabricantes máis importantes no seu eido, entre os que destacan Oracle, Google ou Cisco. Durante o ano académico 2020-2021 o CNTG contou cun investimento de 535.000 euros cos que se impartiron máis de 2.300 horas de formación cunha oferta de 830 prazas.