Xunta de Galicia

A Xunta impulsará a formación do sector da hostelería durante o Xacobeo

Impartirase cualificación en todo tipo de competencias con cursos específicos de atención ao cliente, márketing, emprego das redes sociais, idiomas ou traballo en equipo.

Óscar Gómez

Ourense | 01.02.2022 08:43

A Xunta impulsará a formación do sector da hostelería durante o Xacobeo
A Xunta impulsará a formación do sector da hostelería durante o Xacobeo | onda cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa Confederación Empresarial de Hostalería e Turismo de Galicia na que se abordou a necesidade de seguir avanzando na cualificación do persoal que traballa no sector. Así, Lorenzana anunciou un novo Plan para reforzar a formación e a profesionalización durante o Xacobeo “para xerar moita máis actividade empresarial e emprego de calidade”, indicou.

Esta colaboración co sector materializarase con cursos en todo tipo de competencias, brandas e transversais, como poden ser especializados en atención ao cliente, márketing, emprego das redes sociais, idiomas ou traballo en equipo, entre outras moitas accións formativas. Para Lorenzana, segundo afirmou, é importante apoiar desde a Administración os servizos que se prestan aos cidadáns para que “a atracción turística de Galicia sexa cada vez mellor”; e, neste senso, subliñou que para iso, é “importante poñer os medios para incrementar a competitividade dos negocios e a calidade do servizo a través dunha maior profesionalización dos traballadores”.

A conselleira apuntou que esta nova iniciativa súmase á oferta formativa que a Xunta ofrece a persoas desempregadas e traballadoras e únese ao Plan de formación no Xacobeo específico para o sector servizos a través do que se están a cualificar na actualidade máis de 7.300 persoas en 400 cursos.

Un total de 22 entidades acreditadas en Galicia para impartir formación profesional para o emprego están a impartir esta cualificación. Precisamente, a semana pasada o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución das axudas deste primeiro Plan de formación específico para o sector servizos co que a Xunta busca mellorar ao longo do Xacobeo as capacidades dos traballadores e adaptalas á nova era dixital. Os apoios concedidos, que sumaron case catro millóns de euros, estiveron dirixidos ás entidades titulares de centros acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego nas modalidades presencial, de teleformación ou mixta.

Os cursos de formación, que rematarán en setembro deste ano, están dirixidos principalmente a persoas traballadoras ocupadas, aínda que se admitiu a posibilidade de que participaran persoas sen emprego, ata un 30% do cupo total. Na convocatoria 2021-2022 incluíronse como beneficiarios destas accións formativas os traballadores e traballadoras afectadas por un expediente temporal de regulamento de emprego (ERTE) ou por un expediente de regulamento de emprego (ERE), así como os socios de empresas de economía social e persoas traballadoras por conta propia. Así mesmo, potenciouse a realización de accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida.

Campus Virtual

A Xunta, a través deste Plan, impulsa a formación a distancia a través do novo Campus Virtual para facilitar o acceso á cualificación dos alumnos e, así mesmo, garántese, no caso dos cursos que se imparten de xeito presencial, a saúde dos participantes.

As accións formativas subvencionables están incluídas no Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego do Estado (Sepe), que inclúe máis de 300 cursos, entre os que se atopan, entre outros, accións de comunicación e traballo en equipo en hostalería; inglés empresarial; tratamento e xestión das queixas e reclamacións; xestión informatizada das vendas; resiliencia, aplicación do modelo de resiliencia ao sector turístico; emerxencias e primeiros auxilios en hostalería; xestión loxística; chinés básico en actividades de venda; ferramentas de difusión e márketing de medidas adaptadas ante a covid-19; sistemas de reserva en liña; ou organización de eventos e protocolo.

A Xunta mantén unha estreita colaboración coa confederación empresarial investindo desde 2009 máis dun millón de euros en diferentes liñas de axudas. Ademais, Lorenzana lembrou o apoio ao sector a través dos catro plans de rescate e outras axudas específicas postos en marcha pola Xunta para facer fronte á covid-19: en total máis de 600 millóns de euros para apoiar aos sectores máis prexudicados pola pandemia, como é a hostalería e o turismo.