Plan Invernal

A Xunta desprega o plan de vialidade invernal na provincia de Ourense

O dispositivo inclúe 50 máquinas, entre elas camións ou esparexedores de sal, para atender os máis de 1.000 km de estradas da Xunta na provincia

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2020 08:46

A Xunta desprega o plan de vialidade invernal na provincia de Ourense
A Xunta desprega o plan de vialidade invernal na provincia de Ourense | onda cero

A Xunta vén de despregar o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Ourense, cun dispositivo de 102 profesionais, 1.935 toneladas de fundentes e 6 centros operativos que garantirán a seguridade viaria.

Con este plan, que se puxo en marcha o 1 de novembro e que se desenvolverá ata o 30 de abril, disponse na provincia de Ourense un dispositivo de 50 máquinas, entre as que se contabilizan camións ou esparexedores de sal, para atender os máis de 1.000 km de estradas da Xunta na provincia.

O Plan de Vialidade Invernal, que o vindeiro día 15 de novembro xa estará operativo tamén nas provincias da Coruña e de Pontevedra, xa que en Lugo ao igual que en Ourense está operativo desde o día 1, contempla un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos máis de 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta.

No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e máis de 460 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas autonómicas. O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal. No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia de Ourense.