Cultura

XIX Festival Internacional de Blues no Teatro Principal

Os días 7 e 8 o público poderá gozar da música en directo de tres prestixiosas bandas do panorama nacional e internacional.

Óscar Gómez

Ourense | 20.09.2022 10:09

 XIX Festival Internacional de Blues no Teatro Principal
XIX Festival Internacional de Blues no Teatro Principal | onda cero

O Teatro Principal acollerá os días 7 e 8 de outubro a XIX edición do Festival Internacional de Blues, patrocinado pola Deputación de Ourense, no que o público poderá gozar da música en directo de tres prestixiosas bandas do panorama nacional e internacional: a galega Martins Aneiros Band; a británica Dennis Rollins Velocity Trio, que ofrecerá a primeira e única actuación en España; e a norteamericana The Chris O´Leary Band. O festival foi presentado esta mañá no Principal coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora do teatro, Olga Mojón; e o promotor do evento, Alfonso Cito.

César Fernández agradeceu ao director do festival “o traballo realizado en todos estes anos para converter esta cita nun referente da axenda cultural da nosa provincia”. Un labor especial, dixo, “xa que non se trata dunha música de masas, pero que conta cun público que responde moi ben á chamada deste tipo de eventos”. O vicepresidente segundo afirmou que a Deputación de Ourense seguirá apoiando festivais como este, “pois entre as funcións das institucións debe estar, e no noso caso está, proporcionar cultura de calidade á cidadanía, o que garantimos a través da programación do Teatro Principal”.

Olga Mojón incidiu na importancia da música dentro da programación do Principal ao longo de todo o ano, “tratando de que estean representados todos os estilos, entre eles o Blues, cuxo festival conta ano tras ano coa positiva resposta do público”. Entre tanto, Alfonso Cito, agradeceu o apoio da Deputación e a colaboración do teatro cun festival “que xa supera a súa maioría de idade”, destacando a calidade do directo das tres bandas invitadas “a unha edición coa que trataremos de situar o listón máis alto como cada ano”.

Galicia, Reino Unido e EE.UU.

Na primeira xornada do festival, o venres 7 de outubro e a partir das 22.00 horas, están programados dous concertos. O primeiro correrá a cargo de Martins Aneiros Band, do bluesman ferrolán Víctor Aneiros, con máis de 25 anos de traxectoria no mundo musical. Nesta ocasión presentará un novo proxecto no que participa outra coñecida vocalista galega, a coruñesa Paula Martins.

A segunda cita da noite estará protagonizada polo Dennis Rollins Velocity Trio, nunha primeira e única actuación en España. Rollins é un dos músicos máis aclamados do jazz británico, gañador dos máis prestixiosos premios do Reino Unido e mesmo distinguido coa medalla da Orde do Imperio británico pola falecida raíña Isabel II. Con esta actuación continúase coa fórmula iniciada na pasada edición do festival, incorporando outros estilos como o jazz e o soul.

O sábado, día 8, a quenda será para The Chris O´Leary Band, cuxo líder ten traballado cos mellores nomes do jazz, recibindo algúns dos máis prestixiosos premios en EE.UU., ademais de formar parte durante a guerra do Golfo dos Marine Corps, a banda do exército norteamericano.

Todos os detalles do XIX Festival Internacional de Blues, dedicado este ano a Muddy Waters (1913-1983), considerado como o pai do Chicago blues, están a disposición do público na web do Teatro Principal ([[LINK:EXTERNO||||||teatroprincipalourense.com]]).