Menor destacou especialmente a aprobación das bases dunha nova convocatoria de axudas para a adaptación de vivendas de persoas maiores de 65 anos, que será publicada no BOP no mes de maio, cun orzamento de 150.000 euros, o que supón un incremento do 50 % respecto á primeira edición deste programa.
Esta liña de axudas, impulsada pola Área de Benestar e iniciada en 2025, permitirá este ano non só ampliar o orzamento, senón tamén incrementar o importe máximo das subvencións, que pasa de 2.000 a 2.500 euros por persoa beneficiaria. Tal e como lembrou Menor, na súa primeira edición destas axudas atendéronse o 100 % das solicitudes e beneficiáronse 55 persoas en 35 concellos
Explicou tamén que o obxectivo da convocatoria é facilitar que as persoas maiores poidan seguir vivindo na súa casa en condicións de seguridade, autonomía e dignidade, mantendo ao mesmo tempo os seus vínculos sociais e familiares. Poderán beneficiarse destas axudas: persoas maiores de 65 anos que estean empadroadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, deben ser propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias da súa vivenda habitual e cun nivel de renda inferior a tres veces o IPREM
Actuacións para mellorar a calidade de vida
As axudas están destinadas a actuacións que permitan mellorar as condicións de habitabilidade e accesibilidade das vivendas, entre elas: a eliminación de humidades e mellora de pavimentos; a adecuación de instalacións de auga, gas, electricidade ou calefacción, ou a instalación de sistemas de seguridade.
Tamén inclúen actuacións clave para a accesibilidade, como son a substitución de bañeiras por pratos de ducha; a adaptación de baños e eliminación de barreiras; a ampliación de portas ou eliminación de desniveis. E tamén contemplan estas axudas a adquisición de equipamento técnico como camas articuladas, cadeiras especiais ou asentos de ducha; e sistemas de mobilización ou apoio
As solicitudes poderán presentarse durante un prazo dun mes, a partires da semana seguinte á súa publicación do BOP, e as axudas concederanse por orde de entrada ata esgotar o crédito dispoñible

