Ourense Cidade

O PP solicita que se actúe ante a proliferación de roedores na cidade de Ourense

Os populares lamentan a imaxe da cidade coa que se quedaron todos os turistas que visitaron Ourense nestas datas festivas.

Óscar Gómez

Ourense |

Inmaculada Moreiras
Inmaculada Moreiras | onda cero ourense

Ante os múltiples episodios denunciados pola veciñanza a través das redes sociais e recollidos polos medios de comunicación sobre a presenza de ratas en rúas como Pizarro, San Francisco ou Luna, nas zonas verdes e parques, e no Casco Histórico, o Grupo Municipal Popular solicita ao goberno local que actúe de inmediato ante a proliferación incontrolada dos roedores.

Para os populares é unha situación de gravidade pois, tal e como alerta a edil Inma Moreiras “a presenza de ratas sen control pode derivar nun problema serio de saúde pública porque estes animais son transmisores de enfermidades como o hantavirus, a leptospirose,...”

Desde o PP entenden que a superpoboación dos roedores se ve favorecida pola acumulación de lixo, a maleza sen limpar, o mal estado das zonas verdes, e sobre todo pola cantidade de edificios deteriorados e solares abandonados que hai na cidade.

Neste senso solicitan ao goberno local que asuma as súas responsabilidades. “É necesario levar a cabo unha actuación integral e urxente na cidade intensificando a desinfección e desratización, e tamén realizando unha limpeza eficaz e regular dos

espazos públicos”, indica a concelleira.

Desde o Grupo Popular tamén advirten da importancia de activar medidas preventivas de control de pragas antes da chegada do verán, xa que as condicións climáticas con temperaturas máis altas favorecen a reprodución destes animais. Por último, os populares lamentan a imaxe da cidade coa que se quedaron todos os turistas que visitaron Ourense nestas datas festivas. “Durante a Semana Santa, moitos visitantes que se hospedaban en pisos turísticos do Casco Histórico denunciaron o estado de abandono das rúas, con pintadas, lixo e ratas. É unha pena que o goberno local non se preocupe por impulsar o turismo como motor económico”, critica a popular.