xornadas formativas do SEPE

O novo subsidio de desemprego como exemplo da protección das vítimas de violencia de xénero

O subdelegado agradeceu o traballo coordinado das distintas Administracións que posibilitan este tipo de medidas “concretas e efectivas” na procura da igualdade.

Onda Cero Ourense

Ourense |

O novo subsidio de desemprego como exemplo da protección das vítimas de violencia de xénero
O novo subsidio de desemprego como exemplo da protección das vítimas de violencia de xénero | Subdelegacion del gobierno

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou que o novo subsidio de desemprego para vítimas de violencia de xénero é exemplo do esforzo que fai o Goberno de España no camiño pola protección integral. Así se pronunciou na inauguración das xornadas formativas impartidas polo Servizo Público Estatal de Emprego (SEPE): “Novo subsidio para vítimas de violencia de xénero”, na Biblioteca Pública de Ourense Nós.

A charla, que foi dirixida pola directora provincial do SEPE en Ourense, María Míguez Aquino, reuniu a máis de 50 asistentes, entre eles, avogadas, traballadoras sociais, técnicas de igualdade de diferentes concellos, integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, persoal da Xunta de Galicia e membros de fundacións e ONGs.

Santos agradeceu á Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia, á Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense e á súa xefa, Alida Iglesias, así como ao SEPE, a súa cooperación e o seu “labor incansable” en busca da igualdade. “É fundamental a coordinación entre institucións para chegar a todas as vítimas”, sinalou.

O subdelegado destacou que o traballo do Goberno de España contra a violencia de xénero se pon de manifesto con “ferramentas reais que permiten ás vítimas volver a facer a súa vida con dignidade, seguridade e autonomía”. “O Goberno demostra unha vez máis que o seu compromiso coa igualdade e coa erradicación da violencia machista non é unha declaración de intencións, senón que chega en forma de políticas públicas concretas, con recursos e medidas efectivas”, subliñou Santos.

Durante as xornadas formativas abordouse a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero ante o SEPE, a forma acreditación, a duración, os prazos e a contía do novo subsidio para vítimas de violencia de xénero aprobado por Real Decreto Lei 2/2024, así como a compatibilidade deste subsidio con respecto a renda activa de inserción (RAI).

Requesitos

Os requisitos comúns para acceder ao subsidio para persoas vítimas de violencia de xénero, sexual ou a exercida por pais ou fillos son:

- Estar desempregada ou traballando a tempo parcial.

- Estar inscrita como demandante de emprego.

- Carecer de rendas propias.

- Presentar a solicitude do subsidio dentro do prazo dos seis meses a fecha do feito causante.

- Non ter dereito á prestación por desemprego de nivel contributivo.

- Non haber sido beneficiaria do programa de renda activa de inserción (RAI).

- Haber subscrito o acordo da actividade.

Duración e contía

A duración máxima do subsidio será de trinta meses, salvo no caso das persoas beneficiarias con anterioridade dun ou dous dereitos ao programa de Renda Activa de Inserción. Nese caso, a duración máxima será de vinte e de dez meses, respectivamente. Se desde o inicio da primeira RAI transcorresen tres ou máis anos, a duración do subsidio será de trinta meses.

Documantación necesaria

- Modelo oficial de solicitude (pódese descargar na páxina oficial do SEPE)

- DNI ou pasaporte.

- Documento bancario que indique o número de conta do que é titular a vítima.

- Libro de Familia ou Certificación do Rexistro Civil de nacemento. No caso de persoas estranxeiras o documento equivalente ao citado.

- Declaración da renda.

- Xustificante de rendas no caso de que a entidade xestora o solicite.

Onde tramitalo

A solicitude do subsidio pode presentarse inmediatamente trala emisión ou notificación do certificado ou resolución que acredite a condición de vítima de violencia ou ben facelo dentro do prazo máximo de seis meses desde a devandita data. A solicitude poderá tramitarse:

- Na sede electrónica do SEPE.

- Na oficina de prestacións unha vez obtida a cita previa na sede electrónica do SEPE ou por teléfono.

- En calquera oficina de rexistro público.

- Mediante correo administrativo.