Ourense Provincia

O Psoe reclama dúas prazas de Pediatría do Centro de Saúde do Carballiño

Marina Ortega leva a Cámara autonómica a demanda dos veciños e veciñas da localidade para “blindar” os servizos sanitarios xunto con reivindicacións anteriores como pediatría de urxencias no ambulatorio.

Óscar Gómez

Ourense | 13.11.2023 08:13

O Psoe reclama dúas prazas de Pediatría do Centro de Saúde do Carballiño
O Psoe reclama dúas prazas de Pediatría do Centro de Saúde do Carballiño | onda cero

A parlamentaria socialista Marina Ortega anunciou que presentará no Parlamento unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que cubra de inmediato as dúas prazas de pediatría do Centro de Saúde do Carballiño. Ortega levará á Cámara esta demanda cidadá, que se une ás reivindicacións anteriores do Grupo Socialista como xinecoloxía, matrona e pediatría de tarde e de urxencias no ambulatorio.

Alerta de que a falla do servizo de pediatría durante as tardes e a ausencia deste especialista no servizo de urxencias obriga aos pais e nais dun centro que atende a 27.000 persoas de 9 concellos a desprazarse ao servizo de urxencias do Hospital de Ourense, moitas veces colapsado, ou directamente optar pola sanidade privada.

Sinala que “é preciso que o goberno galego acolla estas demandas que trasladan os veciños e veciñas do Carballiño” para “blindar” os servizos de matrona, xinecoloxía e pediatría. Explicou que estes servizos resultan básicos para afianzar poboación nun dos principais núcleos de poboación da provincia e remontar a grave crise demográfica que fai de Ourense unha das provincias co peor saldo vexetativo de España.