Concello de ourense

Obras de mellora en dúas zonas do rural da cidade: Palmés e Val do Regueiro

Os accesos ao núcleo de Pradobó e a mellora da rúa das Póutigas suman un investimento de máis de 96.000 euros.

Óscar Gómez

Ourense | 27.10.2021 12:18

Obras de mellora en dúas zonas do rural da cidade: Palmés e Val do Regueiro
Obras de mellora en dúas zonas do rural da cidade: Palmés e Val do Regueiro | onda cero

O Concello de Ourense acometerá obras de rehabilitación e mellora de firme en dúas rúas do rural da cidade: na rúa das Póutigas, en Val do Regueiro, e nos espazos públicos de Pradobó, en Palmés. Ambas actuacións suman 90.122,44 euros de investimento para a mellora das condicións de vida da veciñanza da zona.

Espazos públicos en Pradobó, Palmés

Actuarase nun tramo que dá acceso ao núcleo e ás vías interiores de Pradobó. Estenderase de aglomerado o tramo de vía central destinada ao tráfico rodado reparando o mal estado no que se atopa actualmente. Ademais, protexerase o lavadoiro público con lastra (adoquín) para diferencialo do resto da vía e manterase a barreira natural vexetal da contorna. Colocarase, tamén, un banzo de pedra no acceso ao forno veciñal.

Nesta mesma zona, actuarase sobre os camiños de pedra que dan acceso ao centro de Pradobó e melloraranse cunha solución de pavimento de sábrego para a recollida de augas. Así mesmo, será preciso executar unha reparación e acondicionamento de pozos, arquetas e rexistros da vía. Estas accións executaranse cun orzamento de 47.871,94 euros, IVE engadido.

Rúa das Póutigas, en Val do Regueiro

A pavimentación -en formigón ou mesturas superficiais- presenta deterioración nos acabados e fochas, polo que o Concello abordará unha rehabilitación estrutural do firme mediante a substitución total da capa actual cunha capa de formigón en masa de 18 cm. de espesor mínimo. Incorporarase tamén unha varanda de protección no muro de contención da vía.

Os técnicos municipais, en colaboración cos responsables da compañía concesionaria municipal de augas, estimaron conveniente acometer tamén obras de substitución das redes de abastecemento e de saneamento no tramo afectado polas obras, debido á súa obsolescencia e deterioro. Ambas redes inclúen na súa execución as acometidas necesarias ás redes municipais xa existentes.