Cultura

Música en directo, obradoiros de canto e artes plásticas nos campamentos virtuais de Afundación

Unha completa programación, deseñada para unha ampla franxa de idades, desde 1 ano ata os 20 anos, para un verán formativo e entretido coa Obra Social de ABANCA

Óscar Gómez

Ourense | 02.07.2020 09:03

Mamá cabra 15 primaveras
Mamá cabra 15 primaveras | abanca

A Obra Social de ABANCA presenta no seu portal Afundación TV, outra nova sesión dos seus campamentos virtuais de verán para todas as idades. A segunda entrega do programa do obradoiro musical con Mamá Cabra, que será en directo, dará comezo ás 11.00 h. Tamén haberá actividades sobre canto, videocontos, artes plásticas e un obradoiro de creación de instrumentos musicais.

Gloria Mosquera e Tomi López, creadoras do grupo musical Mamá Cabra, propoñen para Afundación TV o obradoiro musical «Contos musicados» dirixidos ás familias con nenas e nenos a partir dun ano, en directo. Durante a actividade propoñerán xogos con elementos que temos en casa e cos que crear melodías, aprender e interpretar cancións sinxelas, e contar e cantar contos introducindo a música na narración. As sesións deste campamento, especialmente pensadas para público entre 1 e 7 anos, terán continuidade os días 9 e 16 de xullo ás 11.00 h.

No Obradoiro de artes plásticas, as nenas e nenos poderán aprender a compoñer un bodegón a partir de materiais reciclados, conxugando, deste xeito, o achegamento a un dos xéneros pictóricos máis habituais, co respecto cara ao medio ambiente a través da reutilización de material de refugallo.

Pola súa banda, no Obradoiro de creación de instrumentos musicais traballarase sobre un dos esenciais: o tambor. En cada unha destas sesións ensinarase como realizar un instrumento representativo de cada unha das familias presentes nunha orquestra. Na sección de «Videocuentos en familia», presentarase unha sesión de contacontos con relatos fabulosos. Mañá será a quenda de O pastor de liebres, unha narración de Carles García Domingo, coa compañía Zarándula, inspirada na popular fábula de Samaniego. Dentro de «Cantemos xunt@s», un obradoiro lúdico musical en torno a conceptos básicos da linguaxe musical e a interpretación vocal, a soprano e violonchelista Esperanza Mara dirixirá os máis novos nestes encontros divertidos en torno á música.