Mellora da seguridade viaria en Seixalbo, na contorna do Tanatorio de Ourense
A intervención consistirá na mellora do firme, no acondicionamento dos accesos ao tanatorio e na conexión da rúa Canizo coa estrada nunha nova glorieta
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras da 2ª fase da mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-105, en Seixalbo, na contorna do tanatorio de Ourense.
O orzamento estimado polo Goberno galego para este proxecto rolda o millón de euros, nos que se inclúen os preto de 9.000 euros do pagamento das expropiacións dos 12 predios necesarios para executar esta actuación.
Trátase de completar a mellora da seguridade viaria nesta estrada autonómica, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+800 e 1+150, mediante a reordenación do tráfico de acceso ao tanatorio e a construción dunha glorieta no punto quilométrico 1+065, co fin de facer a circulación no dito treito máis cómoda e segura.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre de 2021. As obras teñen un prazo de execución de 8 meses.
A intervención neste tramo, que discorre integramente polo municipio de Ourense, consistirá na mellora do firme, no acondicionamento dos accesos ao tanatorio e na conexión da rúa Canizo coa estrada nunha glorieta de nova construción.
Tamén se acometerá un paso de peóns con regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e poder acceder á parada de autobuses en dirección a Ourense. Ademais, levarase a cabo a adaptación dos pasos nas beirarrúas para o cumprimento da normativa de accesibilidade.
As actuacións tamén prevén a reordenación do tráfico e da sección transversal da calzada, mellorando a disposición das paradas de autobús, habilitando un percorrido peonil e ciclista pola marxe dereita da rúa Canizo e limitando a un único sentido de circulación o inicio desta.
A intervención inclúe a mellora en firmes e pavimentos, en iluminación, saneamento e drenaxe, así como a mellora da sinalización e o balizamento en todo o treito.
Nesta actuación teranse en conta as achegas dos veciños no período de información pública da protección da vexetación arbórea ao longo do trazado, a inclusión de mobiliario urbano e a sinalización vertical e horizontal da bicicleta para garantir a súa visibilidade.
Intervención completa en Seixalbo
Esta intervención dá continuidade ás obras executadas no ano 2019 pola Xunta no treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e O Cumial, mediante un investimento autonómico de 850.000 euros.
Os traballos realizados na 1ª fase centráronse na reordenación do tráfico e na mellora da mobilidade, cunha especial atención á seguridade dos usuarios vulnerables. Levouse a cabo a construción da nova glorieta no acceso principal a Seixalbo e a mellora da intersección coa rúa Igrexa.
Tamén se optimizaron os pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica, instaláronse novas marquesiñas e habilitáronse sendas en ambas as marxes no treito final, incidindo así no trazado do Camiño de Santiago coincidente coa Vía da Prata, coa suma dun carril para a circulación de bicicletas.
Con estas dúas actuacións na estrada autonómica, cúmprese o compromiso para dotar Ourense dun contorno urbano máis humano e máis seguro, ademais de contribuír a facer cidade.