Máis dunha vintena de mozos e mozas de Novas Xeracións asistiron, na sede do Partido Popular de Ourense, a unha xornada sobre oratoria que baixo o título “O poder da palabra” achegou aos máis novos ferramentas que lles permitan armar un discurso, falar en público ou defender un posicionamento fronte aos adversarios políticos.
Esta iniciativa, posta en marcha por NNXX de Galicia en todas as provincias galegas, contou coa presenza do presidente provincial, Luis Menor; a presidenta galega de Novas Xeracións, Nicole Grueira; a vicepresidenta do PPdeOU, Marta Novoa; a presidenta da xestora da cidade de Ourense, Ana Méndez; e os presidentes de NNXX na provincia de Ourense, Martín Gil; e do presidente de NNXX da cidade e secretario autonómico, Manuel Nóvoa.
Luis Menor reivindicou a palabra” fronte ao ruído político actual”, asegurando que a mocidade é “o mellor altofalante do partido”. Non abonda con ter boas ideas, subliñou, “senón que tamén hai que saber contalas”, ao mesmo tempo que lembrou que non hai discurso máis potente que “aquel que nace da convicción”.
Pola súa banda, Nicole Grueira destacou o dinamismo da agrupación xuvenil ourensá, “está a demostrar a súa fortaleza coa incorporación de máis mozas e mozos e unha importante actividade”.
Xornada sobre “O poder da palabra”
Con esta xornada, a agrupación xuvenil achega á mocidade popular as ferramentas necesarias en oratoria, contando para este fin con referentes do partido como a deputada do Congreso e presidenta de honra de NNXX de Ourense, Ana Vázquez, e a senadora Rosa Sánchez Gándara, ademais da participación do Premio Nacional de Oratoria e tamén integrante de NNXX, Manuel Ortigueira.

