Luis Menor subliñou que a Deputación de Ourense mantén un compromiso ininterrompido coa institución universitaria desde hai 34 anos, como membro do padroado do Consorcio da UNED Ourense desde a súa creación en 1992, onde está presente xunto ao Concello de Ourense, a Xunta de Galicia e o Concello da Rúa, onde tamén a UNED ten un centro asociado.
Un apoio institucional, engadiu Menor, “clave para potenciar unha oferta educativa que hoxe resulta imprescindible para xerar o talento que precisa a provincia”, ademais da súa integración no tecido social. Neste sentido destacou algúns datos da UNED referidos a Ourense, con 1.200 alumnos, cifra que ascende ata os 2.000 se se inclúen os cursos de extensión universitaria, xornadas e seminarios, así como as posibilidades de estudo que ofrece (30 graos, dous dobres graos, máis de 80 mestrados, 21 programas de doutoramento e máis de 800 títulos de formación permanente).
Sobre a UNED
A UNED en Ourense iniciou a súa andaina na Rúa a finais dos 80, abrindo o seu centro na capital en 1992.
Trátase da universidade pública máis grande de España con 150.000 estudantes. Desde a súa fundación en 1972, o seu modelo online e semipresencial permitiu universalizar o ensino superior sen notas de corte, adaptándose ás necesidades laborais e familiares do alumnado en 18 países.

