O Inorde, a Xunta de Galicia e Renfe renovan a súa alianza de colaboración para poñer en marcha unha nova edición do programa dos “Trens Turísticos” de Galicia 2021. O programa ofrece un total de once rutas nas que os turistas poderán coñecer lugares de interese do noso territorio acompañados por un guía especializado durante todo o traxecto. Ademais, os recorridos dos trens complementarase con autobuses que achegarán aos usuarios aos puntos de interese.
Das once rutas ofertadas, catro delas discorren pola provincia de Ourense, amosando aos usuarios “os recursos máis destacados que integran o noso territorio: natureza, patrimonio e enogastronomía a través dunha oferta turística sostible e segura”, asegurou Emma González, quen destacou que ademais, “os itinerarios destas rutas inclúen unha parada nos nosos “Museos das Estacións” o que nos permite achegar a un maior número de turistas o museo do automóbil, do traxe galego, o do ferrocarril e o de Moncho Borrajo”.
As catro rutas que discorren pola nosa provincia, con 90 prazas cada unha delas, son as seguintes: a ruta dos Viños do Ribeiro-Rías Baixas, a ruta do Viño de Monterrei, a ruta dos viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, e a ruta do Viño da Ribeira Sacra. “Esperamos que, tralo parón do ano pasado por mor da pandemia que estamos a padecer, esta nova edición teña o mesmo éxito que as súas predecesoras e que sirva para dar un novo pulo ao sector turístico para que volva a recuperar a forza que demostrou manter durante todo este tempo”, dixo a xerente do Inorde.
A reserva e a compra dos billetes para poder participar nalgunha das rutas poderá realizarse nos despachos de billetes de calquera estación de Renfe ou na páxina web www.renfe.es, por un prezo de 45 euros para adultos e de 20 euros para os nenos de 3 a 13 anos. Haberá un desconto do 15% para os grupos de 10 ou máis adultos.
A ruta dos viños do Ribeiro – Rías Baixas mestura os territorios destas dúas Denominacións de Orixe. Ao longo do traxecto poderán degustar un viño na adega Señorío de Rubiós e coñecer o encanto medieval de Ribadavia e o seu castelo. Pola tarde, visitarán o Museo do Viño de Galicia, situado na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, un conxunto monumental de relevancia inserto na comarca do Ribeiro. Despois achegaranse ao castro de San Cibrao de Las e acabarán a viaxe visitando a estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, que alberga os museos do traxe tradicional galego e o museo do automóbil – Fundación Estanislao Reverter. Esta ruta realizarase o 9 de outubro.
Na ruta do Viño de Monterrei poderán visitar parte desta Denominación de Orixe e degustar algún dos seus viños no Castelo de Monterrei e revivir alí a Idade Media. Coñecerán tamén a adega Gargalo e Verín, onde visitarán o seu barrio antigo. Pola tarde pasearán pola Vila de Allariz e polo seu Festival Internacional de Xardíns. Por último, visitarán a estación de ferrocarril de Baños de Molgas onde se atopa o Museo Moncho Borrajo. Este itinerario poderase realizar o 14 de agosto.
A ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras aproximará aos visitantes ás paraxes destas Denominacións de Orixe. No río Sil embarcarán nun catamarán que os levará ata a contorna do mosteiro de Santo Estevo, continuando a visita no santuario das Ermidas, situado nun enclave de gran beleza natural, no estreito val que forma o río Bibei. Despois degustarán un viño da Denominación de Orixe Valdeorras na adega A Coroa e coñecerán outra histórica estación de ferrocarril e o seu museo ferroviario nos Peares. Esta ruta terá lugar o 31 de xullo.
Por último, a ruta do Viño da Ribeira Sacra ofrece unha viaxe que levará ao visitante ata a adega Regina Viarum. En Monforte de Lemos poderán empaparse da viticultura heroica no Centro de Interpretación do Viño. Despois embarcaranse nun catamarán para percorrer o fantástico mar interior que forman as augas encoradas do río Sil. De volta coñecerán o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. E, para rematar a xornada visitarán a Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares. Os interesados en participar nesta ruta poderán facelo nas seguintes datas: o 3 de xullo, o 28 de agosto, o 18 de setembro e o 2 de outubro.