Ourense Provincia

Implementación do plan de Destino Turístico Intelixente na provincia de Ourense

O presidente da Deputación amosa a súa satisfacción polo enfoque proporcionado por Telefónica para executar un plan que “nos sitúa á vangarda do turismo interactivo e, sobre todo, proporciona novas solucións tecnolóxicas para seguir promocionando os nosos recursos turísticos e avanzar na transformación do territorio dende perspectivas sostibles e innovadoras”

Óscar Gómez

Ourense | 22.12.2022 08:13

Implementación do plan de Destino Turístico Intelixente na provincia de Ourense
Implementación do plan de Destino Turístico Intelixente na provincia de Ourense | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a directora de Telefónica en Galicia e Asturias, Paula Beirán, reuníronse no Pazo Provincial para avanzar na implementación do plan “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, proxecto de Destino Turístico Intelixente (DTI) desenvolvido polo goberno provincial xunto a Red.es e adxudicado en concurso público a Telefónica, que comezará nas vindeiras semanas a desplegalo.

O plan abrangue unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de realidade virtual e de realidade aumentada, ou experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.

Despois da reunión desta mañá, Manuel Baltar amosou a súa satisfacción polo enfoque proporcionado por Telefónica para comezar a execución dun plan que “sitúa á Deputación de Ourense na vangarda do turismo interactivo e, sobre todo, proporciona novas solucións tecnolóxicas para seguir promocionando os nosos recursos turísticos e avanzar na transformación do territorio dende perspectivas sostibles e innovadoras”.

O presidente da Deputación explica que a través desta iniciativa, os turistas poderán dispoñer dun “acceso rápido, sinxelo e intuitivo” de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña "Ourense a tu alcance"); de servizos personalizados baixo demanda (liña "Siente Ourense"), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña "Ourense te guía”).

Este plan, remarca Manuel Baltar, “é un símbolo da nosa forma de traballar: sempre con creatividade e con músculo para tecer colaboracións e executar iniciativas coas que damos novos pasos para seguir construíndo o Ourense do futuro”.

A Deputación de Ourense sempre ten destacado por ser moi activa na promoción do turismo da provincia

Pola súa parte, a directora de Telefónica en Galicia e Asturias explica que “o obxectivo é dixitalizar, e polo tanto facer máis eficaces, actividades e reservas frecuentes como as estancias nos hoteis ou restaurantes, visitas a monumentos ou rutas. En definitiva, afondar no concepto de ‘Destinos turísticos intelixentes”.

“En Telefónica estamos moi satisfeitos do traballo que estamos levando a cabo coa Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial a través de Red.es para introducir novas solucións tecnolóxicas no ámbito turístico, e no que ademais de Ourense están as deputacións de Badaxoz e Cádiz, e os concellos de Arona, Benidorm, Bilbao e Calviá”, destaca Paula Beirán.

Paula Beirán recoñece que “a Deputación de Ourense sempre ten destacado por ser moi activa na promoción do turismo da provincia, e neste sentido quero agradecer a magnífica dispoñibilidade mostrada por Manuel Baltar para colaborar con Telefónica neste e outros proxectos”.

Crear un territorio intelixente con capacidade para impulsar o desenvolvemento económico sostible da poboación local

Este proxecto foi deseñado pola Deputación de Ourense co fin de promover un modelo de turismo interactivo e intelixente que teña como base o emprego das TICs por parte das entidades locais dedicadas á actividade turística, permitíndolle a estas ofrecer servizos diferenciais e competitivos. A finalidade última de “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo” é a de crear un territorio intelixente capaz de manter un desenvolvemento económico sostible para a poboación local, e a proxección dese territorio cara o exterior coa atracción de máis visitantes mediante a promoción dunha marca de calidade.

Este proxecto de transformación contempla a apertura cara un modelo tecnolóxico aberto que facilite a participación, diálogo e colaboración entre os turistas e os cidadáns a través das ferramentas dixitais. A través da Plataforma de Xestión Integral dos Recursos, preténdese recompilar todo tipo de datos para elaborar diferentes servizos e mostrar toda a información turística da provincia de Ourense a modo de oficina turística virtual -planificación de rutas, aloxamentos, restauración…-.

“Hay un Ourense para ti. Descúbrelo” está enmarcado no Programa “Provincia Intelixente” do eixo Smart do “Plan Dixital 2018-2023” e foi seleccionado como beneficiario da ‘Convocatoria de Destinos Turísticos Intelixentes’ de Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa. O proxecto provincial, enfocado a cambiar a xestión dos recursos turísticos da provincia, obtén fondos do Estado e da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER); cun orzamento de case tres millóns de euros (2.989.022 €).