Galiciencia

Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, celebrarase a finais de maio

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, salientou que “en Galicia a ciencia ten futuro e, sobre todo, ten nome de muller”

Óscar Gómez

Ourense | 12.02.2021 08:18

Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, celebrarase a finais de maio
Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, celebrarase a finais de maio | onda cero

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove desde o ano 2006 Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

No marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presentou esta mañá a nova edición de Galiciencia, que, por segundo ano consecutivo, será online debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria. Esta circunstancia permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía. Esta 16ª edición celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática “A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento”.

Durante a presentación, o conselleiro sinalou que “Galiciencia é talento, enxeño e creatividade”. E fixo fincapé na “ilusión que todos os anos amosan os rapaces e rapaces que participan na principal feria científica de Galicia”. “Hoxe, no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, temos a oportunidade perfecta para reivindicar que en Galicia a ciencia ten futuro e, sobre todo, a ciencia ten nome de muller” -salientou-.

[[H3:Na procura da igualdade de xénero na contorna da I+D+i]]

Unha das principais novidades da Galiciencia online 2021, en consonancia coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, é que haberá un premio especial para o mellor proxecto liderado por unha rapaza. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i desde a etapa educativa, promovendo a participación e o liderado femininos nos proxectos científicos e tecnolóxicos.

En canto á participación feminina nas diferentes edicións de Galiciencia, no relativo á elaboración e presentación de proxectos, os datos amosan unha tendencia á alza. Nos últimos tres anos obsérvase que a participación feminina supera á masculina, chegando a acadar o 60 %. Toda a información estará proximamente dispoñible na páxina web de Galiciencia para que @s rapaces poidan ir enviando os seus proxectos: www.galiciencia.online.