Ourense Provincia

A Deputación reforza os servizos sociais do Concello de Avión

Esta iniciativa “fala da visión estratéxica e integral dos servizos sociais que ten o alcalde”, sinala Manuel Baltar, que cualificou esta nova infraestrutura coma “unha gran noticia para a veciñanza de Avión”.

Óscar Gómez

Ourense | 28.03.2023 08:06

A Deputación reforza os servizos sociais do Concello de Avión
A Deputación reforza os servizos sociais do Concello de Avión | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Avión, Antonio Montero, visitou o centro integral de servizos socias Alvetus, onde supervisou o estado das obras do proxecto de reforma, ampliación e equipamento das instalacións, financiado pola institución provincial.

Manuel Baltar felicitou ao rexedor por un proxecto “que fala da súa visión estratéxica e integral dos servizos sociais, dotando ao concello de Avión dunha infraestrutura na que ten colaborado a Deputación seguindo as propostas do alcalde”.

O presidente do goberno provincial valorou positivamente a unificación dos servizos sociais do concello nun único centro, “e que agora mellora en infraestrutura, instalacións e equipamento, o que sen dúbida é unha gran noticia para a veciñanza de Avión e un recoñecemento ao labor do goberno local, que seguirá tendo sempre o apoio da Deputación”.

Antonio Montero, que estivo acompañado polo tenente alcalde, Manuel Vázquez, a directora do centro, Sonia Nogueira, e persoal municipal dos servizos sociais, expresou o seu agradecemento pola visita de Manuel Baltar e a contribución económica da Deputación que permitiu executar este proxecto, no que tamén se acondicionou o entorno da propia residencia.

“Eran unha obras moi necesarias e mesmo urxentes -sinala o alcalde- porque se trata da atención aos nosos maiores e ese é un servizo que sempre incentivamos desde o concello”. Unha iniciativa, engade “que ten como obxectivo principal seguir mellorando a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.

A reforma e ampliación do centro integral de servizos permitirá incrementar ata 44 o número de prazas dispoñibles neste complexo, no que actualmente traballan unha trintena de persoas e que está xestionado pola Fundación Anduriña, da que forma parte o Concello de Avión.